publicidade hoxe

A Deputación financiará a instalación de iluminación LED no entorno da Feira de Moeche

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMoeche
A-
A+

A Deputación da Coruña cofinanciará a instalación dun novo sistema de iluminación LED no entorno e os accesos da Feira de Moeche.

O proxecto, que foi aprobado onte na Comisión de Cooperación e Asistencia aos Concellos e será refrendado polo pleno o vindeiro venres, 23 de marzo, suporá un investimento de 85.217,12 euros, dos que o 80% (68.173,70 €) serán achegados pola institución provincial.

A Deputación continúa colaborando co Concello de Moeche na mellora e dinamización do recinto feiral da localidade, xa que este investimento súmase aos 80.000 € que a institución provincial destinou, a través do do Plan Único, ás obras de mellora da accesibilidade, acondicionamento da contorna, e dotación de conexión wifi e sistema de megafonía.

Aforro do 70% na factura eléctrica

O novo sistema de iluminación da Feira de Moeche mellorará as condicións luminosas da estrada que conduce ao recinto feiral, onde se atopa o aparcadoiro que dá acceso á nave de emprendemento comercial, e a estrada de San Ramón, conseguindo a redución da contaminación luminosa até menos do 1% e, ao mesmo tempo, un aforro do 70% o gasto na factura eléctrica.

Neste sentido, o proxecto supón un paso máis da Deputación na aposta pola eficiencia enerxética nun concello de 1.230 habitantes no que a iluminación pública representou en 2016 un gasto superior aos 90.000 € (un 6% do orzamento xeral municipal).

A Feira de Moeche recibe cada ano arredor de 40.000 visitantes en eventos como a Feira das flores, a do cabalo, a do queixo ou o mercado de Nadal.

20 de marzo de 2018 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.