A Deputación de Lugo promove un simposio sobre enerxía e clima aberto ao público e gratuíto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Goberno da Deputación promove mañá unha xornada sobre enerxía e clima aberta ao público e totalmente de balde, enmarcada na iniciativa global A Hora do Planeta, que se celebra mundialmente o último sábado de marzo de cada ano e consiste nun apagamento eléctrico voluntario durante unha hora ao que tamén se suma a Deputación. A xornada terá lugar en horario de mañá e tarde e reunirá reputados expertos no estudo do cambio climático, a contaminación atmosférica e lumínica, así como o aforro enerxético.

Deste xeito, entre os poñentes atópanse: Pablo Ramil, director do IBADER e experto do panel científico galego contra o cambio climático; Ramón Varela Díaz, experto en contaminación atmosférica; Xoán Doldán, da USC; Adrián Dios Vicente, da USC; Pablo Álvarez Fernández, da Cooperativa Nosa Enerxía; e Fins Eirexas, de ADEGA. Como clausura para a xornada haberá un roteiro vespertino urbano pola cidade de Lugo para avaliar a contaminación lumínica e a problemática da iluminación exterior.

Exposición sobre o cambio climático

Paralelamente, continúa aberta ata o vindeiro sábado 24 de marzo, a exposición sobre o cambio climático e a enerxía, organizada polo Goberno da Deputación coa colaboración de ADEGA composta por 13 paneis. Esta exposición nace do Proxecto Europeo de Acción Educativa polo Clima, Clarity, para contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se poden artellar para facerlle fronte, tanto por parte das institucións e das empresas, como pola da cidadanía. Nos paneis repásanse as causas e consecuencias do cambio climático, e como este fenómeno afecta aos ecosistemas e á sociedade. Unha parte importante da mostra traballa as accións e actitudes positivas que debe emprender a cidadanía para mitigar os efectos do quecemento global, e como tamén os Gobernos, Concellos e ONGs poden contribuír.

A mostra permanecerá aberta até o vindeiro sábado 24 de marzo, data na que centos de cidades de todo o planeta apagarán a iluminación dos principais monumentos públicos entre as 20:30 e as 21:30 horas. A Deputación de Lugo tamén se une a esta iniciativa denominada A Hora do Planeta.

A Hora do Planeta

A Hora do Planeta celébrase o último sábado do mes de marzo de cada ano e consiste nun apagamento eléctrico voluntario, no que se pide a fogares, empresas, institucións e demais edificios que apaguen as luces e outros aparellos eléctricos non indispensables durante unha hora. Con esta acción simbólica, preténdese concienciar á sociedade sobre a necesidade de adoptar medidas fronte ao cambio climático e as emisións contaminantes, así como aforrar enerxía e minorar a contaminación lumínica.

19 de marzo de 2018 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.