A Deputación da Coruña publica a banda deseñada “O Corpo de Cristo” que aborda a resiliencia infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña presentou esta mañá a novela gráfica “O Corpo de Cristo” da ilustradora Bea Lema (A Coruña, 1985). A obra é a gañadora do XII Premio Castelao de Banda Deseñada que promove a área de Cultura da Deputación da Coruña, e na que a autora proxecta a resiliencia infantil respecto das enfermidades mentais.

Baseada na súa propia experiencia persoal, Bea Lema presenta en “O corpo de Cristo” a historia dunha nena que afronta a enfermidade mental que sofre súa nai e consegue axudala a ser consciente da doenza. Así, e a pesares de que a súa proxenitora non quere recoñecer a enfermidade que padece, rexeitando facer uso da medicación, a protagonista artellará diferentes estratexias para dar coa solución e facer trocar de actitude a súa nai.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, xunto coa autora de “O Corpo de Cristo” participaron no primeiro acto de presentación do libro ao que seguirán outros en distintas vilas e cidades.

Bea Lema destacou que este é “un traballo autobiográfico, ou de realidade ficcionada”, co que pretende “dar visibilidade a unha temática que moitas veces é tabú para a sociedade, como é o caso das enfermidades mentais”.

Por medio dunhas ilustracións “case caligráficas onde a historia se impón ao grafismo”, a autora consegue evitar caer no exceso de dramatismo para abordar dende a perspectiva infantil como facer fronte as dificultades que derivan das patoloxías mentais.

Durante a súa intervención, Bea Lema destacou que a publicación deste traballo é froito de “un ano de traballo con case dedicación exclusiva”, e reivindicou a importancia que teñen iniciativas como esta da Deputación da Coruña para a Banda Deseñada, pois “sen este tipo de premios é moi difícil poder desenrolar as obras”.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín destacou a “potente historia” que presenta a obra de Bea Lema, onde grazas “á calidade na técnica dos debuxos e a obxectividade empregada” proxecta “sen vitimismo” un tema no que resulta doado recaer no “dramatismo fácil”.

“Estamos diante dunha obra con moita forza dende o punto de vista da Cultura e da Arte, pero tamén moi acaída para a Sanidade, dada a súa capacidade para empatizar con aquelas persoas que se atopan en situacións semellantes”, sinalou Goretti Sanmartín.

Mostrou tamén a súa satisfacción por ver como cada vez máis “emerxen mulleres de referencia no eido da Banda Deseñada e iniciativas como o premio Castelao contribúen a facer o seu traballo visíbel e sumar novos públicos para as novelas gráficas.

“O Corpo de Cristo” foi a obra gañadora do XII Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña, certame único en Galiza nesta modalidade, e ao que nesta derradeira edición concorreron un total de dezaseis traballos orixinais. O galardón está dotado con 6.500 € máis a publicación da obra por parte da Deputación da Coruña.

Bea Lema é a primeira muller que consegue facerse co Premio Castelao de BD dende que botará a andar alá polo ano 2005 e colle o relevo de Emilio Fonseca, gañador da anterior edición coa obra “Fóra de marxe”.

Formada como deseñadora pola Universidade da Coruña, Bea Lema (A Coruña, 1985) comeza a súa traxectoria profesional en 2010 traballando para a firma de cerámica Sargadelos. En 2013 crea, xunto a Xoan Torres, o proxecto Lelédacuca onde realizan obxectos que mesturan o deseño contemporáneo coa artesanía tradicional.

Descobre o mundo da ilustración e o cómic a través da nova xeración de debuxantes galegos. A partir dese momento comeza a sentirse atraída por este medio, sendo a súa primeira publicación Pasado ou Futuro?, un mini libro ilustrado premiado premiado pola revista teórica de ilustración Fuera (de) Margen en 2015. Nese mesmo ano é bolseira polo Festival Internacional de Ilustración Ilustratour para participar no proxecto Ilustradanza. En 2015 tamén se publica O Diario de Raquel, ilustrado por ela (texto: Paco Climent, de. Metaforic). Recentemente foi seleccionada no II Concurso Internacional de Ilustración organizado polo festival Valladolid Ilustrado.

20 de marzo de 2018 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.