publicidade hoxe

A Deputación da Coruña financia a rexeneración do entorno do CEIP Barrié de la Maza, en Santa Comba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSanta Comba
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do Plan Único, financia a rexeneración dun espazo de máis de 2.000 metros cadrados no entorno do CEIP Pedro Barrié de la Maza, en Santa Comba.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a formalización do contrato destas obras, que foron adxudicadas por un importe de 160.715 euros achegado integramente pola Deputación.

O obxectivo deste proxecto é acondicionar e humanizar o entorno do centro escolar, mellorando tanto a estética coma a funcionalidade e a seguridade viaria. Neste sentido, demoleranse as antigas vivendas dos profesores, que se atopan en estado ruinoso e non reciben ningún uso, así coma as beirarrúas e unha parte do muro do colexio. Este espazo utilizarase para acondicionar unha praza pública, que contará con mobiliario urbano e farolas.

Así mesmo, ampliarase a superficie dedicada ás beirarrúas, para garantir a súa accesibilidade e a seguridade viaria dos nenos e nenas que acoden cada día ao centro escolar. Nas zonas máis conflitivas, instalarase unha varanda de seguridade.

Tamén se repavimentará a calzada e habilitarase unha zona de aparcamentos, que servirá para mellorar a fluidez do tráfico e a seguridade dos escolares que se desprazan tanto nos autobuses coma en vehículos privados.

As obras, que terán unha duración aproximada de tres meses, aproveitaranse para renovar tamén os servizos básicos, coa instalación dunha rede de evacuación de augas pluviais e a canalización soterrada da conexión da iluminación pública.

Pavimentación dos camiños de Picotos a Varilongo e de Santa Sabiña

O Boletín Oficial da Provincia tamén publica hoxe a formalización do contrato das obras de mellora de pavimentación nos camiños de Picotos a Varilongo e de Santa Sabiña, no termo municipal de Santa Comba. Neste caso, o Plan Único da Deputación da Coruña achega 62.950 euros para a execución dos traballos, que pretenden mellorar a seguridade viaria e as condicións de circulación nestes viais municipais, que na actualidade presentan varios desperfectos na capa de rodaxe.

As obras incluirán a limpeza e o perfilado das cunetas, así como dos tubos e taxeas da rede de evacuación de augas pluviais nas zonas onde sexa preciso. Tamén se acometerá a limpeza, mediante medios mecánicos, de toda a superficie da calzada, para posteriormente reparar os baches, as mordentes e demais defectos do firme.

O remate da capa de rodadura realizarase con 6 centímetros de pavimento asfáltico a base de mestura bituminosa en quente, e un triplo rego asfáltico.

14 de marzo de 2018 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.