publicidade hoxe

Un total de 24 empresas presentan as súas ofertas para a 1ª fase do acondicionamento da estrada Santa Comba-Portomouro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSanta Comba
A-
A+

Un total de 24 empresas presentan as súa ofertas para executar a primeira fase das obras de acondicionamento da estrada AC-406, Portomouro-Santa Comba, que se desenvolverán entre o núcleo de Abuín e o parque empresarial de Santa Comba.

Estas obras suporán un investimento total por parte da Administración autonómica de 4,3 millóns de euros, dos cales algo máis de 375.000 se corresponden coas expropiacións. En total prevese afectar a 67 fincas no termo municipal de Santa Comba, e o levantamento de actas previas á ocupación dos terreos prevese para o primeiro semestre de 2018.

A actuación suporá unha importante mellora da seguridade viaria cun trazado alternativo ao da actual estrada que permitirá evitar o paso polo núcleo de Salgueiroas, actuando como variante. Así evitaranse os problemas do trazado actual, encaixado entre edifiicacións e con varias curvas de radio moi reducido e interseccións con escasa visibilidade.

O trazado desenvólvese entre os puntos quilométricos 25+680 e 27+740 e ten unha plataforma de 10 metros, con dous carrís de 3,5 m e beiravías de 1,5 m, á que se sumarán bermas polas dúas marxes de 0,75 metros. Inclúense tamén dúas interseccións, unha ao final da travesía de Salgueiros con forma de semiglorieta na que se permitirán os cambios de sentido; e outra como unha glorieta no punto final da actuación, na que conflúen a nova traza coa AC-406 e o acceso ao parque empresarial de Santa Comba.

Así mesmo, prevese unha nova estrutura sobre o rego da Bouza, de aproximadamente 50 metros de lonxitude, dous pasos inferiores e proxéctanse camiños de servizo para canalizar os accesos existente.

O Goberno galego prevé contratar proximamente a redacción do proxecto da segunda fase, entre Abuín e Faílde.

A esta actuación hai que sumar outra infraestrutura estratéxica que hai en execución, como é a Variante de Aradas, que suporá tamén unha mellora substancial para os veciños de Santa Comba nas súas comunicacións con Santiago, coas zonas industriais e mesmo na conexión co aeroporto.

1 de febreiro de 2018 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.