publicidade hoxe

Ramirás dispón dun tractor para a roza grazas a unha axuda de 90.000 euros de Medio Rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRamirás
A-
A+
Marisol Díaz na visita a Ramirás

Marisol Díaz na visita a Ramirás

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o concello de Ramirás e formalizou co alcalde do municipio, Juan Carlos Rodríguez, a entrega dun tractor para a roza adquirido grazas a un convenio asinado coa Consellería do Medio Rural.

O departamento autonómico, dirixido por Ángeles Vázquez, subscribiu este convenio con cinco concellos da provincia ourensá co obxectivo de facilitar aos gobernos locais os seus labores de roza e o cumprimento das súas competencias. Trátase de manter libre de maleza tantos as infraestruturas rurais, as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa e determinadas parcelas municipais. “As operacións de roza garanten unhas infraestruturas no rural en óptimas condicións e con menor risco de incendios”, indicou Díaz Mouteira.

A Xunta concedeu ao concello de Ramirás 90.000 euros para a compra íntegra deste vehículo e da maquinaria complementaria, da que unicamente está excluído o imposto sobre o valor engadido como gasto subvencionable.

A delegada territorial lembrou que esta medida súmase a outras que xa viña aplicando a Consellería do Medio Rural como o convenio marco de colaboración cos concellos para a prevención e defensa contra os incendios forestais e polo que as entidades locais poden subvencionar as rozas, dispor de motobombas e brigadas municipais. Precisamente reforzar este apoio entre as diferentes administracións é un dos obxectivos do plan de 30 medidas da Xunta previsto para mellorar a loita contra os lumes.

Na provincia foron cinco os concellos beneficiados por este tipo de convenio: A Bola, Celanova, Piñor, Ramirás e San Cristovo de Cea. A achega cífrase en 450.000 euros.

Os concellos seleccionados foron elixidos baixo criterios obxectivos como o número de habitantes (menos de 10.000), o número de entidades de poboación, o uso en común por máis dun municipio dese tractor, que non recibiran motobombas novas por parte de Medio Rural nos últimos cinco anos, nin máis de 90.000 euros no ano 2017 a través do fondo de compensación ambiental.

Ademais, debían cumprir con algunha das seguintes esixencias: ter subscrito o convenio para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018 nas súas tres liñas de actuación, ter rexistrada algunha Parroquia de Alta Actividade Incendiaria no seu territorio ou que teñan predios recoñecidos -ou en proceso – da titularidade a través da Lei de Mellora Territorial Agraria de Galicia.

5 de febreiro de 2018 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.