O Consello da Xunta autoriza as expropiacións para a execución de 4 quilómetros de senda entre Covelo e Raxó
O Consello da Xunta aprobou hoxe o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista na estrada PO-308, entre O Covelo e Raxó, no termo municipal de Poio.
O decreto de utilidade pública comprende a expropiación dos 46 predios, cun custo estimado de preto de 42.000 euros, que farán posible levar a cabo esta actuación, que suporá un investimento de máis de 2 millóns de euros.
A actuación prevista ten por finalidade completar un itinerario seguro e sustentable entre a travesía de Samieira, en concreto, no punto de intersección co acceso á praias e ao porto de Covelo, ata o final da travesía de Raxó, onde conectará coas beirarrúas xa existentes en Dorrón. En total, serán 3,7 quilómetros de senda, entre o p.q. 8+200 da estrada e o p.q. 11+890, completando as beirarrúas xa existentes nalgún dos treitos, e repartíndose entre 2,3 quilómetros pola marxe esquerda e 1,4 pola dereita.
Prevense actuacións complementarias coma a dotación de zonas de aparcadoiro onde o espazo o permite; a instalación de sistemas de recollida das augas de drenaxe necesarios; a extensión dunha capa de rodadura no tramo inicial da travesía de Raxó; a renovación da sinalización vertical e a recolocación da iluminación nos tramos precisos.
Trátase dun treito de estrada de características moi urbanas, con numerosas vivendas e actividade nas marxes da estrada, polo que a construción da senda, ademais de facilitar unha mobilidade sustentable, mellorará de forma moi notable a seguridade nos desprazamentos para os veciños e usuarios dos resturantes da zona.
Esta senda forma parte do conxunto de actuacións programadas pola Xunta no marco do Plan de sendas de Galicia para a comarca do Salnés. Hai que ter en conta que a actuación prevista na PO-308 no concello de Poio se completa coas sendas que se están a desenvolver na mesma estrada no municipio de Sanxenxo, en concreto entre A Lanzada e Portonovo.
As sendas forman parte do proxecto de fomento da mobilidade sustentable para o que a Xunta conta con financiamento europeo procedente do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Ademais desta senda, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten previsto acometer outra actuación paralela nesta estrada, no concello de Poio, para eliminar os treitos de concentración de accidentes identificados entre o p.q. 8+700 e o 12+700.
Ese proxecto, enmarcado na estratexia da Xunta para eliminar nesta lexislatura todos os treitos de concentración de accidentes das estradas autonómicas, está actualmente en proceso de información pública e prevé a reforma das principais intereseccións da vía, incluíndo a execución de sendas na contorna deses cruzamentos.
A Xunta prevé iniciar este mesmo ano as obras tanto da senda, que será licitada nas próximas semanas, como de eliminación dos “puntos negros”.