Mulleres de diferentes sectores da sociedade, protagonistas na lectura institucional do Día de Rosalía da Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

“Queremos que o Día de Rosalía sexa representativo de toda a sociedade de hoxe en día, que non se circunscriba só ao mundo da cultura ou da literatura, que vaia máis aló, tal e como merece a nosa poeta nacional”. Así explica Xosé Leal, responsable da área de Cultura e Lingua da Deputación, a escolla das persoas que este ano participarán na lectura institucional do Día de Rosalía. “Este ano as protagonistas da lectura serán todas mulleres, en homenaxe á afouteza e á loita de Rosalía para desenvolverse e destacar nun mundo moi masculino, que se ben é certo que a día de hoxe aínda non se acadou a igualdade de xénero, no tempo que a ela lle tocou vivir esa desigualdade era aínda máis limitadora” indica o deputado nacionalista.

A lectura institucional, que terá lugar o venres 23 ás 11:30 horas no vestíbulo do Pazo provincial, contará coa presenza de oito mulleres. Abrirá a quenda a autora Eva Mejuto, en representación da Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega, que será a encargada de ler o manifesto desta edición titulado ‘Abride as fiestras’, da autoría de María Reimóndez. Seguiralle Mª de los Ángeles Lorenzo Prego, vicepresidenta do Consello Territorial da Once en Galicia, que lerá un poema escrito en braille. No ámbito da discapacidade tamén participarán representantes de XOGA, a organización de persoas xordas de Galicia, sendo Raquel González Novelle a que lerá o poema en lingua oral, mentres a presidenta da organización, María Jesús Monterde, realizará a lectura simultánea en lingua de signos.

As oito mulleres, procedentes de diversos puntos da provincia e representativas dos diferentes ámbitos da sociedade, estarán acompañadas polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e pola presidenta da institución, Carmela Silva, que será a encargada de poñer o broche á lectura. Ao igual que en anos anteriores, e seguindo a recomendación da AELG de contribuír á conmemoración desta data agasallando un libro e unha flor, a todas as persoas que asistan á lectura e que se acheguen ao Pazo provincial durante a xornada do venres entregaráselles un libro da colección Cíes -a colección de poesía da Editorial do Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Editorial-, e unha camelia do cultivar “Rosalía de Castro” procedente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

O departamento de Cultura e Lingua leva promovendo a lectura institucional desde o ano 2016, ano no que realizara a lectura no Sexto Edifico do Museo de Pontevedra, na sala que alberga a obra do fillo da autora, Ovidio Murguía de Castro, mentres que no 2017 promovera unha lectura no Pazo provincial no que participaran representantes de toda a corporación e a autora Elena Gallego, membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

20 de febreiro de 2018 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.