publicidade hoxe

Medio Rural solicitará a declaración da provincia de Pontevedra como zona oficialmente libre de tuberculose bovina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDozónLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á gandaría Baltasar SC en Dozón

Ángeles Vázquez na visita á gandaría Baltasar SC en Dozón

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe que o seu departamento solicitará á Unión Europea a declaración de Pontevedra como provincia oficialmente indemne de tuberculose bovina. “Esta catalogación outorgará un valor engadido á nosa cabana gandeira e ademais permitirá reducir o peso das campañas de saneamento sobre as explotacións”, declarou Ángeles Vázquez durante unha visita á gandaría Baltasar de Dozón.

Durante os seis últimos anos a porcentaxe de rabaños bovinos con infección confirmada de tuberculose en Pontevedra non superou o 0,1% e o 99,9% dos rabaños conseguiron o status de oficialmente indemnes de tuberculose. Polo tanto, cúmprense sobradamente cos requisitos da normativa comunitaria, que só esixe tres anos para estas condicións.

Isto é así grazas ao importante traballo desenvolvido polo equipo técnico da consellería e o compromiso dos gandeiros por mellorar cada ano as súas producións, sinalou Ángeles Vázquez. De feito, dende a Administración galega espérase que coas estritas medidas sanitarias que se veñen desenvolvendo, as restantes provinciais acaden pronto o mesmo estado sanitario respecto a tuberculose bovina.

Cómpre destacar que Galicia xa é unha rexión oficialmente indemne de brucelose ovina e cabrúa dende o ano 2013 e o pasado mes de outubro logrouse esta categoría para a cabana bovina. O mesmo sucede coa perineumonía contaxiosa e da leucose, ambas enfermidades bovinas para as que actualmente só se realiza un programa de vixilancia.

Axudas para as ADSG

Ademais das campañas de control que desenvolven os técnicos da consellería, para manter e mellorar o status sanitario das explotacións en Galicia teñen un papel crucial as Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeiras (ADSG) para as que a Xunta reserva 2,1 millóns de euros en axudas.

Agora mesmo está aberto o prazo de solicitude destas achegas que pretenden facilitar a estas entidades o desenvolvemento de programas zoosanitarios para a prevención e control de enfermidades dos animais que non son obxecto de plans nacionais.

Doutra banda, tamén existe unha liña de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais derivada deste tipo de programas de erradicación dotada con 800.000 euros. Neste caso, para ter dereito ás indemnizacións é imprescindible cumprir a normativa en vigor sobre sanidade animal, identificación, movemento pecuario, benestar e alimentación animal e estar ao día dos programas nacionais de vixilancia, entre outros. Neste caso, a tramitación de concesións levarase a cabo durante todo o exercicio e o prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o día 30 de novembro de 2018.

Garantir o futuro das granxas

A explotación que visitou hoxe a conselleira está situada na parroquia de Saa, concello de Dozón. O fillo dos propietarios xa viña traballando nesta granxa á que agora se suma tamén a súa irmá polo que cobrará unha axuda de 25.000 euros pola súa incorporación. Así mesmo, tamén ten concedida unha subvención por valor de 115.304 euros para a construción dun cebadeiro e outras obras para mellorar a explotación, como pode ser unha plataforma ou un cercado, así como unha cisterna para o xurro.

Non é a primeira vez que esta gandaría, composta por un centenar de reses, recibe axudas desta consellería. No seu momento xa adquiriu un tractor, un tanque de refrixeración, unha segadora e empacadora a través dos plans de mellora que cada ano ofrece a Xunta de Galicia.

Está previsto que a convocatoria de 2018 saia publicada no DOG este mes por valor de 65 millóns de euros, mantendo así o compromiso orzamentario nos mesmos niveis que en 2017, cando se chegou a 466 mozos, aprobáronse axudas para modernizar 692 explotacións e apoiouse a 154 pequenas empresas.

6 de febreiro de 2018 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.