publicidade hoxe

Marnotes destaca en Mos a importancia da formación á carta para os sectores estratéxicos e adaptada ás demandas das empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, mantivo hoxe en Mos unha xuntanza cos representantes da Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) para explicarlles as novas liñas de axudas que vén de poñer en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria para mellorar a cualificación dos desempregados e traballadores galegos.

Dunha banda, puxo en valor o programa de formación para ocupados especializada e á carta dirixido a máis de 23.000 traballadores galegos e autónomos de sectores estratéxicos e emerxentes da economía galega. Trátase dunha iniciativa na que a Xunta inviste 13 millóns de euros para o desenvolvemento de preto de 1500 cursos. A iniciativa, que se enmarca na Axenda 20, impártese en centros e entidades formativas privadas acreditadas ou inscritas pola Administración pública para impartir a formación profesional para o emprego. A oferta formativa, que xa se puxo en marcha, desenvolverase ao longo de todo este ano en ámbitos entre os que destacan o agroalimentario, automoción, enerxías renovables, téxtil, construción, comercio, hostalería, transporte e sectores estratéxicos e de alto potencial como o aeronáutico e aeroespacial, a industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria e tecnoloxías da información e as comunicacións.

A esta iniciativa únense este ano tamén as unidades formativas na empresa, tanto para desempregados como ocupados. As primeiras convocatorias destes programas xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). En global, para estes dous programas destínanse 6,35 millóns en 2018 para beneficiar a 2100 persoas. A través destas unidades cualifícase a desempregados con formación á carta na propia empresa, que ten que comprometerse a un mínimo de contratación; e a traballadores de empresas de sectores estratéxicos e vinculados á silvicultura, transformación de madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática. O principal requisito deste programa de axudas é que as compañías pertenzan a algún dos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0.

Para as unidades dirixidas para desempregados, o prazo de solicitude está aberto ata o 5 de abril e para a iniciativa de ocupados para formar a 1500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril. “Trátase de ofrecer formación á carta, adaptada ás necesidades que require o mercado de traballo actual”, apuntou Marnotes. A estes programas súmase a oferta formativa que a Xunta apoia para persoas desempregadas en centros de formación.

Para rematar, o director xeral sinalou a importancia de adaptar os perfís profesionais dos traballadores galegos ao novo modelo industrial. Neste senso, afirmou que un dos retos da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo.

15 de febreiro de 2018 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.