Máis de 500 persoas participaron o pasado ano nas accións formativas sobre seguridade laboral en Lugo
Un total de 544 persoas participaron o pasado ano nas accións formativas sobre seguridade laboral que desenvolve en Lugo o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que o pasado ano se realizaron sete xornadas técnicas e dous cursos de prevención de riscos laborais, e avanzou que en breve se iniciará a nova programación, dirixida a empresarios e traballadores de diferentes sectores.
Ao respecto, o delegado subliñou a aposta do Goberno galego por ofrecer unha formación continua no ámbito da seguridade laboral. Balseiro referiuse á necesidade de seguir concienciando tanto aos empresarios como aos traballadores da importancia de adoptar e respectar as medidas de seguridade laboral.
Neste sentido, apuntou que “cada vez hai maior sensibilidade nesta materia e os centros de traballo asumen como un investimento produtivo e necesario os recursos que destinan á prevención”.
A actividade formativa que concitou maior participación o pasado ano foi a xornada técnica sobre Prevención de riscos nos laboratorios, á que asistiron 199 persoas, seguida pola xornada sobre Seguridade e saúde laboral na conservación e mantemento de estradas, con 88 participantes.
Tamén se realizaron accións formativas en torno ás actividades de rehabilitación e adecuación de eficiencia enerxética, risco de caídas en altura ou nas tarefas forestais, entre outras.
Igualmente, o ISSGA organizou dous cursos básicos sobre prevención de riscos laborais, nos que participaron 41 persoas.











