Máis de 100 técnicos participan na III Xornada de Urbanismo organizada pola Deputación de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este martes a III Xornada de Urbanismo da provincia de Lugo, organizada polo Goberno da Deputación no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Esta terceira edición das xornadas tratou sobre as licencias municipais e as comunicacións previas e reuniu a máis de 100 técnicos, entre arquitectos, enxeñeiros, avogados, e persoal relacionado coa actividade urbanística. No desenvolvemento da xornada participaron dous dous relatores de gran prestixio dentro da actividade urbanística autonómica: Vanessa Gómez, Xefa do servizo xurídico da Dirección xeral de Urbanismo e Ordenación do Territorio, e Ignacio Soto, arquitecto municipal de Teo.

Campos Conde subliñou que “coa celebración desta xornada, pechamos un primeiro ciclo formativo que comezou coa análise da Lei do Solo de Galicia, seguiu co estudio do seu regulamento e cérrase agora coa problemática das licenzas e comunicacións previas. Dende o Goberno da Deputación estamos comprometidos coa formación dos empregados municipais da provincia e, por iso, seguiremos promovendo nos vindeiros anos accións formativas coas que mellorar as prestacións e a calidade de vida dos nosos veciños”.

Os obxectivos desta xornada son, por un lado, dar a coñecer unha visión xeral do réxime de intervención administrativa, tanto en obras como en actividades en base ás últimas modificacións lexislativas producidas. E, por outro, profundar en cuestións eminentemente prácticas, tanto dende o punto de vista xurídico como técnico, coas que se atopan os técnicos no seu traballo diario en materia de licencias e comunicacións previas.

Programa da xornada

A III Xornada de Urbanismo tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Durante a mesma, levouse a cabo un estudo das distintas formas de intervención administrativa no mundo do urbanismo; afondarase no réxime de licenzas en todas as súas distintas clases, o procedemento do seu outorgamento e as súas posibles causas de extinción; e finalmente, abordarase o tema das comunicacións previas e a súa declaración de ineficacia.

6 de febreiro de 2018 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.