publicidade hoxe

Licítase o reforzo do firme das estradas VG-4.2 e VG-4.3 ao seu paso por Ribadumia, Cambados, Vilanova, Vilagarcía e Ribadumia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, informou esta mañá, durante unha reunión mantida co presidente da Mancomunidade do Salnés, da licitación das obras de reforzo de firme localizado nas estradas VG-4.2 e VG-4.3 ao seu paso polos concellos de Ribadumia, Cambados, Vilanova e Vilagarcía de Arousa.

Os traballos de reforzo do firme afectarán a estes catro concellos, xa que a VG-4.2 discorre por Ribadumia e Cambados e a VG-4.3 por Cambados, Vilanova e Vilagarcía de Arousa. O prazo de execución da obra é de catro meses e o orzamento supera os 854.000 euros.

Trátase de dous viais de características similares, con unha sección tipo de calzada única con un carril por sentido de 3,70 metros de ancho e un arcén doutros dous metros, e que dispón de cunetas de seguridade.

Na primeira destas dúas estradas actuarase ao longo de 4,39 quilómetros, estendendo unha nova capa de rodadura en toda a sección. A obra será complementaria da que xa se realizou no outono do ano pasado e coa que se realizaron reparacións localizadas para reparar as zonas deformadas.

En relación a VG-4.3, actuarase en toda a estrada, ao longo de 8,19 quilómetros, estendendo unha nova capa de rodadura en toda a sección, unha vez eliminados os deterioros existentes mediante fresado e reposición.

Tal e como explicou Cores Tourís, debido ao elevado volume de tráfico co que contan ambas estradas, non está previsto o corte completo da calzada mentres duren as obras e se levará a cabo o desvío do mesmo por itinerarios alternativos, con cortes parciais de carril con regulación semafórica.

26 de febreiro de 2018 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.