José Manuel Balseiro visita as obras dun novo hotel en Foz que apoia a Xunta a través do GDR Terras de Miranda
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as obras dun novo hotel que se constrúe na localidade de Foz, iniciativa que apoia a Consellería do Medio Rural a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda.
Balseiro subliñou que este é un dos 14 proxectos que impulsa o GDR na última convocatoria, que suman axudas por importe de 841.000 euros sobre un investimento mobilizado de 2,9 millóns.
Dáse a circunstancia de que dous dos proxectos produtivos que apoia o GDR son para a creación de establecementos de aloxamento, o cal, afirmou o delegado, “será bo para a localidade ao incrementar as prazas dispoñibles nunha zona eminentemente turística como esta”.
En concreto, o hotel que hoxe visitou o delegado pretende abrir como establecemento de catro estrelas, preto do mar e con servizos complementarios de restauración e ocio. Terá unha superficie de preto de 1.000 metros cadrados e un aparcamento de 900 metros cadrados.
“Unha das principais vantaxes que reporta o funcionamento dos GDR -asegurou Balseiro- é que están pegados á realidade do territorio, e promoven medidas tanto produtivas, que crean movemento económico e postos de traballo, como non produtivas, que axudan á dinamización social do contorno”.