publicidade hoxe

Balseiro visita o Gastro-obradoiro acondicionado no campo da feira de Portomarín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoPortomarín
A-
A+
Balseiro na visita á aula rehabilitada

Balseiro na visita á aula rehabilitada

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a aula rehabilitada no Campo da Feira de Portomarín que o concello utilizará como Gastro-obradoiro, ademais de para organizar outras actividades didácticas, culturais e recreativas. As obras de acondicionamento contaron cunha achega de 31.600 euros da Xunta a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Miño Ulla.

Balseiro destacou que esta iniciativa é “un exemplo dos investimentos non produtivos que impulsan os GDR, un servizo que o concello pon a disposición de veciños e visitantes con todo o necesario para disfrutar dunha xuntanza arredor da gastronomía”.

As instalacións están dotadas de cociña, enxoval e mesas, con capacidade para arredor de 120 comensais; tamén dispoñen de aseos. Calquera grupo que estea interesado pode reservalo previa solicitude no concello e por un prezo simbólico para colaborar co mantemento. Este é o primeiro servizo deste tipo de titularidade municipal que se pon en funcionamento na provincia.

Na visita, na que estivo acompañado polo alcalde do municipio, Juan Serrano, Balseiro subliñou que o acondicionamento desta aula “servirá para dinamizar un espazo público que é central, tanto dende o punto de vista xeográfico como social, para os veciños e veciñas de Portomarín”.

A remodelación do local municipal como aula e Gastro-obradoiro ofrece un novo espazo de lecer e fomentará as actividades de reunión, lúdicas, didácticas e culturais, ademais de mellorar a estética do Campo da Feira.

Neste sentido, Balseiro gabou o labor que realizan os GDR impulsando a economía local e o desenvolvemento social, xa que financian tanto investimentos produtivos como iniciativas de servizo público.

Novo prazo ata o 31 de marzo

O GDR Miño Ulla impulsou nos últimos meses un total de 28 expedientes cunha achega global de 889.000 euros distribuídos nas anualidades 2017 e 2018, e acadando un investimento mobilizado de 1,8 millóns de euros. Ademais, Balseiro lembrou que ata o día 31 de marzo a entidade ten aberto o prazo para recibir novos proxectos.

Polo que respecta aos aprobados ata o de agora, os proxectos produtivos subvencionados son 19 e suporán un investimento total de máis de 1,4 millóns de euros, contando cunha axuda global de preto de 577.000 euros nas anualidades de 2017/18.

Os proxectos non produtivos promovidos tanto por entidades públicas como privadas, suporán un investimento total de 380.000 euros, e contarán cunha axuda por importe de máis de 312.000 euros.

15 de febreiro de 2018 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.