Asínase o convenio para a acreditación da formación do programa municipal “Mocidade con Emprego”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Concello de Santiago e a Consellería de Economía, Emprego e Industria asinaron hoxe un convenio para a acreditación da formación impartida no marco do programa municipal Mocidade con Emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo. O acordo recolle as características que deben ter os itinerarios formativos para que o seu alumnado reciba da Xunta os certificados de profesionalidade.

O acordo foi asinado esta mañá pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e o director Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta, José Alfonso Marnotes. O Plan Xuvenil de Integración Profesional Mocidade con Emprego 2017-2020 recibirá unha achega de 1,5 millóns de euros do Fondo Social Europeo, a través do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, que procura a integración sostible dos mozos e mozas no mercado de traballo. O programa deseñado polo Departamento de Emprego do Concello de Santiago prevé o desenvolvemento de ata 19 itinerarios de formación e inserción laboral, relacionados con oito sectores estratéxicos: industria 4.0, enerxías renovables, hostalaría e turismo, atención socio-sanitaria, medio ambiente, agricultura ecolóxica, comercio electrónico e loxística.

A través de Mocidade con Emprego ofértase un total de 323 prazas, para mozos e mozas desempregados que teñan máis de 16 anos e menos de 30. Cada participante recibe formación profesional específica, correspondente aos respectivos certificados de profesionalidade, así como formación transversal en fomento das novas tecnoloxías, fomento da igualdade e formación en idiomas. Tamén hai prácticas profesionais non laborais en empresas e titorías personalizadas durante a etapa formativa e de prácticas. Ademais, os/as participantes reciben unha bolsa-axuda de 350 euros mensuais durante o período de formación e de prácticas profesionais non laborais.

Actualmente están desenvolvéndose os primeiros cinco itinerarios que se puxeron en marcha a finais de 2017: actividades auxiliares de comercio; atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións; actividades de venda e e-commerce; xestión de departamentos da área de aloxamentos; e certificación enerxética de edificios. Restan polo tanto 14 itinerarios formativos que se realizarán neste 2018. Todas as persoas interesadas poden inscribirse na web do programa, www.ponteenmarcha.gal.

12 de febreiro de 2018 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.