Aberta a Axencia de Colocación da Deputación de Lugo para insertar laboralmente a veciños en empresas
O Goberno da Deputación puxo en marcha este xoves a Axencia de Colocación, o novo servizo público de inserción laboral na provincia que o Executivo Provincial ofrece gratis a todos os veciños, empresas ou colectivos lucenses. O seu obxectivo é insertar no mercado laboral da provincia aos lucenses que busquen traballo (tanto aos que estean no paro como a aqueles que queiran mellorar a súa situación laboral) nas empresas ou entidades que estean a buscar novos traballadores e contribuír á xeración de novas entidades, axudando aos emprendedores.
Conta cunha oficina presencial no Pazo de San Marcos, con horario de luns a venres dende as 09:00 horas ás 14:00 horas, onde axentes de emprego do organismo provincial atenden dende hoxe, de xeito persoal e individual, ofrecendo asesoramento, ás persoas que busquen traballo, ás que desexen mellorar a súa situación laboral ou ás que queiran emprender. Tamén se presta este servizo aos representantes de entidades ou asociacións da provincia que estean a buscar novos traballadores, orientándoos sobre os perfís que requiren, tendo en conta as súas necesidades, para mellorar ou ser máis competitivos.
Ademais desta oficina presencial, hai unha plataforma web (deputacionlugo.portalemp.com/index.php?lng=gl) na que se pode trasladar á Deputación toda esta información. Tamén se pode acceder á mesma dende www.deputacionlugo.gal, pois hai un banner de enlace directo.
Empresas e colectivos, veciños en xeral e emprendedores
Tanto na oficina física, é dicir, de xeito presencial, como na plataforma, telemáticamente, ofreceranse os seguintes servizos a empresas e colectivos, veciños en xeral e emprendedores:
– As empresas ou colectivos da provincia que necesiten traballadores poderán trasladar os perfís laborais que requiren. Os axentes de emprego da Axencia de Colocación da Deputación ofreceranlles candidatos (que serán veciños da provincia) que satisfagan as súas necesidades. Tamén lles ofrecerán un asesoramento individual e continuado, en encontros ou reunións, para definir as súas necesidades e os perfís laborais.
– Os veciños da provincia, desempregados ou non, poderán trasladar os seus currículos. Os axentes de emprego porannos en contacto con empresas e colectivos da provincia que busquen perfís laborais de acordo aos seus. Tamén lles ofrecerán un asesoramento individual e continuado, en encontros ou reunións, para axudarlles a atopar emprego.
– Os emprendedores contarán con asesoramento individual en todos os aspectos para a posta en marcha dos seus establecementos.
O Ben Empregado como base da Axencia de Colocación
Os axentes de emprego poranse en contacto con todas as empresas e veciños da provincia que solicitaron perfís laborais e traballo a través das distintas edicións do Ben Empregado e non resultaron beneficiados, para convidalos a formar parte da Axencia de Colocación. Este novo servizo da Deputación será o encargado de tramitar os novos postos de traballo do Ben Empregado 4, máis social. Isto permitirá que o proceso de selección sexa moito máis áxil e rápido, pois as empresas e desempregados poderán realizar todos as xestións a través da páxina web da Axencia de Colocación, excepto as entrevistas persoais, que serán presenciais.











