publicidade hoxe

A Xunta licitará novamente a xestión dos centros de maiores de Cambados, Redondela e Cuntis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosCuntisLocal PortadaPontevedraRedondela
A-
A+

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar publicará xa esta semana no perfil do contratante a nova licitación do concurso para a xestión dos centros de día de Cambados, Redondela e Cuntis, e da oferta residencial de Redondela, logo de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicase o pasado venres, 16 de febreiro, a preceptiva declaración de deserto do concurso inicial -reservado a centros especiais de emprego-, ao que non se presentou ningunha oferta.

A convocatoria do novo concurso, aberto a todo tipo de entidades e empresas, será remitida tamén esta semana polo ente público da Consellería de Política Social ao DOG, ao Boletín Oficial do Estado (BOE) e ao Boletín Oficial da Unión Europea (DOUE), intentando acurtar ao máximo os prazos do procedemento co obxectivo de poñer en servizo canto antes estes novos recursos para a atención aos maiores.

O xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, reuniuse esta mediodía na sede do ente, en Santiago, co concelleiro de Servizos Sociais de Cambados, Tino Cordal, ao que lle explicou que a licitación de varios centros nun só lote non desfavorece ás empresas, senón que lles permite aproveitar sinerxías moi positivas a través dos perfís técnicos compartidos entre os distintos centros que xestionan.

Nesta liña, Rodríguez lembroulle ademais que esa fórmula de licitación nun lote en cada provincia ou zona é a habitual, agás casos excepcionais, porque axiliza e economiza os procedementos administrativos. De feito, a finais de 2017, convocáronse con esa mesma fórmula outros dous concursos para a xestión de centros de maiores, nas provincias da Coruña e de Ourense, dos cales un xa foi adxudicado e, outro, está en fase de valoración das ofertas presentadas.

En conxunto, cando os centros de Cambados e Cuntis e o fogar residencial de Redondela estean operativos, a oferta autonómica para a atención aos maiores aumentará este ano en 21 prazas residenciais e 85 prazas de centro de día (40, en Cambados; 40, en Cuntis; e 5 máis, en Redondela, onde se aproveitou o concurso para que a súa oferta pase de 20 a 25).

19 de febreiro de 2018 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.