A Xunta entregou dúas camionetas pick up para Protección Civil de Meira e Ribas de Sil
A Xunta de Galicia fixo entrega nos últimos días de dous camionetas tipo pick up e senllos desfibriladores aos concellos de Meira e Ribas de Sil para o seu uso polas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, puxo hoxe de manifesto en Meira a aposta do Goberno galego por dotar de medios materiais a estes servizos municipais, que complementan os dispositivos de emerxencia da comunidade coordinados pola Xunta a través do 112. “A súa proximidade e coñecemento do territorio, xunto co feito de que cada vez dispoñan de máis e mellores medios, permite dar unha mellor resposta ante situacións de risco”, afirmou.
Os vehículos entregados son do modelo Nissan Navara, cun custo de algo máis de 35.000 euros, concedida por concorrencia competitiva pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que depende da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.