publicidade hoxe

A Xunta destina 228.000 euros á conservación e mellora da accesibilidade en Santa Cristina de Ribas de Sil, en Parada de Sil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseParada de Sil
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180214/AnuncioG0164-080218-0009_gl.html ) a licitación do contrato de obras de actuacións de conservación e de mellora de accesibilidade do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, na localidade ourensá de Parada de Sil, por importe de máis de 228.000 euros. O mosteiro foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2009 e atópase no corazón da Ribeira Sacra. Non en balde, este mosteiro foi incluído no expediente de incoación como BIC da Ribeira Sacra como ben vinculado a esta paisaxe cultural.

Para facilitar o acceso ao monumento, especialmente para as persoas con mobilidade reducida, reordenaranse os chanzos da escaleira de baixada ao mosteiro, dende o aparcadoiro; e remodelarase a rampla de acceso para adaptala ás normas de accesibilidade dotándoa dun pavimento de formigón e dunha nova varanda de madeira.

No que atinxe á conservación do mosteiro, o proxecto contempla a substitución da cuberta actual de tella e placas onduladas por outra de similares características, saneando e reparando o entaboado; a substitución das cubertas de vidro existentes no solarium e xunto á torre; así como reparacións puntuais do forxado de madeira, da súa varanda e da galería existente. Ademais, substituirase o altar da igrexa por outro de menores dimensións, e recolocarase a lauda.

Deste xeito búscase solucionar os problemas de humidades existentes debido ás filtracións de auga existentes a través das cubertas, lucernarios e carpinterías polo levantamento de tellas e rotura de cristais.

As primeiras referencias da existencia do mosteiro datan do século IX, cando pertencía á regra de san Frutuoso. No século X adoptou a de san Bieito, coa que gozou de gran esplendor ata o século XIV. Cos Reis Católicos, e debido á centralización monástica, Santa Cristina de Ribas de Sil perdeu importancia e converteuse en priorado de Santo Estevo, o que derivou nun cambio de usos e alteración da distribución orixinal das dependencias do mosteiro. Hoxe en día consérvanse a igrexa e dúas pandas do antigo claustro acaroado ao norte do templo pero remodelado en estilo neoclásico.

14 de febreiro de 2018 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.