publicidade hoxe

A Xunta destina 14,2 millóns de euros para dar acceso a internet de alta velocidade a núcleos de menos de 150 habitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaNarón
A-
A+
Ovidio Rodeiro en Narón

Ovidio Rodeiro en Narón

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá dúas empresas do parque empresarial das Lagoas, en Narón, convidado pola Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer). Se trata dunha das 22 áreas empresariais da provincia que se incorporaron o ano pasado á actuación de despregamento en polígonos do Plan de banda larga ultrarrápida da Xunta e o operador R, e que contempla, para 2018, a súa implantación en outros catro parque empresariais da provincia: O Acevedo, en Cerceda; Curtis-Teixeiro; Cruz das Cabezas, en As Pontes de García Rodríguez; e As Somozas.

En concreto, o delegado visitou as instalacións de Autos Ferrol e de Gándara Motor, acompañado polo presidente de Cofer, Cristóbal Dobarro, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e representantes da operadora R e da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Rodeiro lembrou que grazas a este proxecto, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Megas antes do remate do presenta ano. As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 megas de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, a operadora R pon á disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir.

Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

Ovidio Rodeiro aproveitou a visita para recordar que o pasado día 15 xaneiro publicouse no DOG unha convocatoria de axudas, cun importe de 14,2 millóns de euros en tres anos, dirixida a operadores de telecomunicacións para facilitar o acceso a internet de cando menos 100 megas en núcleos de menos de 150 habitantes.

Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000 euros para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista. O prazo de presentación está aberto ata o 15 deste mes.

As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real. A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto.

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

8 de febreiro de 2018 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.