publicidade hoxe

A Xunta destaca en Ferrol os programas de formación á carta para cualificar a traballadores do sector naval

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+

Os máximos responsables de Emprego e de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria participaron hoxe en Ferrol nun encontro con representantes da Asociación de Empresarios de Ferrolterra, a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer) e Aclunaga para expoñerlles os programas de formación que a Xunta ten a disposición dos traballadores e desempregados galegos, que se imparten tanto en centros homologados como nas propias empresas.

A Xunta na actualidade está desenvolvendo un programa de formación especializada e á carta dirixido a ocupados co que se prevé ofrecer cualificación na comarca de Ferrolterra (en Ferrol e Narón) a 735 traballadores de diversos sectores estratéxicos por medio de 50 cursos, cun investimento próximo ao millón de euros. O obxectivo principal desta iniciativa, que se desenvolve en centros homologados, é mellorar a capacitación dos traballadores adaptándoa ás novas esixencias que demanda o mercado de traballo e en consonancia cos novos retos tecnolóxicos. Para iso, a formación desta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria céntrase en empregados en sectores estratéxicos dos principais eidos, entre os que se encontran o naval, a construción, o comercio e a hostalería.

Para o sector do naval, en concreto, o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, explicou que a cualificación na comarca de Ferrolterra levarase a cabo en Narón. Impartiranse 9 cursos para 135 alumnos e alumnas, o que supón un investimento de preto de 185.000 euros. Tamén ofrecerase formación transversal e accións encamiñadas ao recoñecemento profesional asociado á obtención dun certificado de profesionalidade. Para toda Galicia destínase preto dun millón de euros ao naval para a cualificación de preto dun milleiro de traballadores, a través de 63 cursos que terán lugar, ademais de en Narón, en Vigo, Arteixo, e Lugo. Impartiranse accións nas especialidades de soldadura, robótica, calderería ou deseño do naval, entre outros.

A esta iniciativa únense este ano tamén as unidades formativas na empresa, tanto para desempregados como ocupados. As primeiras convocatorias destes programas, que ten lugar nas propias compañías, xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). En global, para estes dous programas destínanse 6,35 millóns en 2018, a través dos que se cualifica a desempregados con formación á carta na propia empresa, que ten que comprometerse a un mínimo de contratación; e a traballadores de empresas de sectores estratéxicos entre os que se atopa o naval.

Para as unidades dirixidas para desempregados, o prazo de solicitude está aberto ata o 5 de abril e para a iniciativa de ocupados para formar a 1500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril. “Trátase de ofrecer formación á carta, adaptada ás necesidades que require o mercado de traballo actual”, apuntou Marnotes. A estes programas súmase a oferta formativa que a Xunta apoia para persoas desempregadas en centros de formación.

Marnotes, ademais de poñer en valor os programas que se desenvolven este ano en materia de formación, destacou que entre 2012 e 2017, os plans de formación no naval da Xunta permitiron a cualificación en toda Galicia de preto de 2.300 persoas a través dun investimento de máis de 10 millóns. Así mesmo, lembrou que o departamento autonómico está levando a cabo a modernización dos centros de formación para o emprego de Coia, en Vigo, e Caranza, en Ferrol, onde se imparte, entre outros, cualificación para o naval.

Novo modelo industrial

Pola súa banda, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, sinalou a importancia de adaptar os perfís profesionais dos traballadores galegos ao novo modelo industrial. Neste senso, afirmou que un dos retos da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo.

Para rematar, Toca indicou que a Xunta con estas actuacións pretende seguir contribuíndo a que o sector do naval siga xerando emprego. Na actualidade, Galicia conta con preto de 38.500 traballadores asociados ao naval, un 6% máis de afiliacións á Seguridade Social que hai un ano. Toca, así mesmo, puxo en valor a etapa de crecemento que está a vivir o sector, lembrando que Galicia encabeza en España esta recuperación.

20 de febreiro de 2018 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.