A Xunta construirá dúas glorietas nas interseccións da ronda de María Emilia Casas Baamonde da estrada LU-664 en Monforte
O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, explicou hoxe no eido da Comisión 2º no Parlamento que a Xunta de Galicia ten previsto construír dúas glorietas nas interseccións existentes na Ronda de María Emilia Casas Baamonde en Monforte de Lemos, entre os puntos quilométricos 1+150 e 1+240 (LU-664). Unha actuación que responde ao interese do Goberno galego de manter nas mellores condicións de seguridade viaria as estradas autonómicas.
Este proxecto, que prevé un investimento de máis de 320.000 euros, xa está en fase de supervisión, polo que, nas vindeiras semanas, poderase licitar e iniciar a súa execución este mesmo ano. Así mesmo, as obras proxectadas non precisan levar a cabo expropiacións.
Dentro destas actuacións tamén se levará a cabo o acondicionamento dos entroncamentos das vías transversais nos devanditos nós, a humanización da estrada entre glorietas, o reforzo do firme, a reposición da drenaxe e da sinalización viaria e defensas.
Debido a que o firme actual presenta síntomas de esgotamento, inclúese o reforzo do firme entre os pp.qq. 1+000 e 1+350 da LU-664. Este reforzo farase mediante un fresado de 5 cm dos carrís futuros sobre a LU-664 e as glorietas. Por outro lado, contémplase o estendido dunha capa de rodadura en todo o ancho da calzada.
Así mesmo, executarase unaha beirarrúa pola marxe dereita entre as glorietas de Abeledos e Corredoira, duns 60 m e, na parte sueste da glorieta de Abeledos, darase continuidade á beirarrúa existente da rúa, ata o paso de peóns da LU-664. Nos pasos de peóns e cruzamento co camiño paralelo á LU-664, farase un rebaixe da beirarrúa.
Como actuación necesaria para mellorar a seguridade vial e por mor das novas glorietas, refórzase a iluminación no ámbito da obra, colócanse novos báculos con luminaria LED nos pasos de peóns, similares aos que hai dispostos na LU-664. As luminarias dos báculos existentes nos pasos de peóns, cámbianse por unhas de tecnoloxía LED. Nos illotes centrais das glorietas dispoñeranse farois centrais, formados por columnas de aceiro galvanizado con 4 proxectores suxeitos, orientados a cada un dos ramais, e luminarias LED.
Situación actual da estrada
Esta vía presenta características de estrada periurbana e pode dividirse en dous treitos diferenciados. No primeiro, entre o p.q. 0+000 (conexión coa LU-546) e o p.q. 1+540 (conexión coa estrada LU-617) hai iluminación pública e presenta numerosos cruces con outras vías, nalgún caso con semáforos. Conta con beirarrúas nos primeiros 300 m, e no resto existen vías ou camiños de servizo usados por vehículos e peóns.
O treito 2, entre o 1+540, onde existe unha glorieta e o 2+710, onde conecta coa estrada N-120 antiga a través doutra glorieta, foi construído máis recentemente, e presenta boas condicións de seguridade viaria ao contar con control total de accesos e con vías de servizo ben pavimentadas en ambas marxes da estrada, polo que é necesario centrar a atención no primeiro treito.
Na intersección situada no p.q. 1+240 da estrada LU-664 (Intersección Oeste) conflúen, polo norte a estrada provincial LU-P-3202 que conecta coa Vía de Altas Prestacións C.G.-2.2, e polo sur a rúa Abeledos que dá acceso ao núcleo de Monforte de Lemos.
A intersección situada no p.q. 1 +150 da estrada LU-664 (Intersección Leste) é atravesada pola rúa Corredoira. A rúa, polo norte, conecta coa estrada provincial LU-P-3202, e polo sur dá acceso ao Hospital Comarcal e ao núcleo de Monforte.