A Policía Autonómica realiza 167 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores
Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 19 e o 25 de febreiro un total de 167 inspeccións de control en 17 concellos galegos.
Por parte dos distintos grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo e Pontevedra, nesta pasada semana realizáronse 46 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos de A Coruña, Ames, Carballo, Carral, Cortegada, Lugo, Negreira, O Porriño, Oímbra, Ourense, Padrenda, Padrón, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo, Verín e Vigo.
Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 38 persoas e inspeccionadas 167 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 11 actas de infracción, das cales 10 foron por venda de alcol, e 1 por venda de tabaco.
A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.
Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.











