publicidade hoxe

A FAEPAC asesorará ao concello de Rianxo en materia de aforro e eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRianxo
A-
A+

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, asesorará ao concello de Rianxo en materia de aforro e eficiencia enerxética. Así o establece o convenio asinado hoxe na sede da institución provincial entre o presidente, Valentín González Formoso, e o alcalde da localidade, Adolfo Muíños Sánchez.

Os técnicos da FAEPAC realizarán unha análise enerxética das instalacións e dependencias municipais do concello, co obxectivo de establecer un plan personalizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.

A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o Concello de Rianxo en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.

Así mesmo, a FAEPAC encargarase da formación do persoal do Concello, para que adquiran as competencias necesarias para asegurar a redución das emisións e a mellora da calidade ambiental no municipio.

González Formoso manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do actual goberno provincial é “utilizar o coñecemento da FAEPAC para axudar aos concellos a aforrar na súa factura eléctrica”, un gasto que para algúns municipios do ámbito rural supón a maior partida do seu gasto corrente.

Varios concellos xa aforran na factura eléctrica

Neda súmase así a outros concellos da provincia como Cariño, Valdoviño, A Capela, Bergondo, Neda ou Moeche, aos que a FAEPAC xa presta servizos de asesoría e de análise e control de facturación eléctrica, permitindo importantes aforros ás economías municipais.

26 de febreiro de 2018 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.