A Deputación de Ourense destina un millón de euros ao servizo de axuda no fogar
A comisión informativa de Igualdade, Benestar e Emprego da Deputación de Ourense abordará mañá xoves, 15 de febreiro, o Programa BenOurense de cooperación económica coas Entidades Locais da provincia para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico no exercicio 2018. Ademais desta xuntanza tamén se celebrarán as comisións informativas de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente e a de Cultura, Deportes e Mocidade.
O obxecto do Programa BenOurense SAF Básico regula a concesión de axudas ás entidades locais da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes que presten o servizo de atención no fogar básico, incluídas tamén as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios de menos de 20.000 habitantes. A dispoñibilidade orzamentaria da Deputación de Ourense para tal fin ascende a preto dun millón de euros (900.489 €).
Na xornada de hoxe mércores celebraranse as comisións informativas de cooperación, transparencia e facenda, sendo nesta última onde se abordará a modificación de créditos e das bases de execución do orzamento do INORDE n.º 1/2018, por importe de 100.000 euros, sen que se modifique o importe do presuposto da institución.











