A Deputación de Ourense colabora cos concellos na elaboración dos inventarios de bens municipais
A Deputación de Ourense pon a disposición dos concellos da provincia un portal web de xestión e publicación dos inventarios de bens municipais, “unha iniciativa que xorde pola demanda dos concellos á Deputación para colaborar con eles na elaboración dos inventarios municipais, polo cal poñemos a disposición dos municipios esta ferramenta”, explicou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, na xornada de presentación desta acción de colaboración cos concellos, celebrada no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e á que asistiron preto de 100 representantes e técnicos do ámbito local.
Este portal web vai a combinar os datos dos concellos cos que ofrece a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL), un instrumento de análise dos servizos municipais que ten como obxectivo coñecer a situación e o nivel dos servizos ofrecidos aos habitantes dos concellos, sendo a deputación a encargada de realizar esta enquisa para os concellos de menos de 50.000 habitantes. Asemade, a Deputación de Ourense porá tamén a disposición dos concellos técnicos para que colaboren co persoal das administracións locais o traballo de campo do inventario, cuxos datos serán expostos neste portal web.
A plataforma achegará maior eficacia e permitirá un maior aproveitamento da enquisa de infraestruturas e equipamentos locais, así como a creación e xestión de inventarios que cubran as necesidades dos concellos. “O novo portal web da Deputación encádrase na liña de actuación do goberno provincial, con iniciativas de goberno aberto que promovan a transparencia na xestión política e administrativa; a participación cidadá e de outras administracións; e os datos abertos (Open Data), que son o cerne da eficiencia colaborativa”, explicou Pablo Pérez.
Actualmente, a Deputación de Ourense conta xa cun Xeo-portal no que se poden consultar os equipamentos existentes nos concellos da provincia de Ourense (a excepción da capital), tanto en materia de infraestruturas como no que atinxe ao abastecemento de auga, rede de estradas, recollida de lixo e iluminación pública, entre outros.











