publicidade hoxe

A Deputación de Lugo promove o libro Gorca Rete, que reivindica o valor do rural no Concello da Pontenova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PontenovaLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou este mércores na presentación do libro Gorca Rete, da autora Monse Fernández Álvarez, que tivo lugar no Concello da Pontenova por tratarse dunha publicación que pon en valor o rural de dito municipio pois a historia desenvólvese nos núcleos rurais de Bogo, Vilarxubín e Sampaio. A publicación, que conta cunha axuda da Deputación de 1.500 euros, posúe no mesmo exemplar unha versión en galego e outra en castelán; así como un CD narrativo con ambas versións. Trátase tamén dunha publicación participativa pois a autora convidou a nenos que tiveran vínculos coas localidades á colaborar nas ilustracións dos libro.

Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación estamos comprometidos coa promoción e divulgación dos espazos rurais da nosa provincia, dentro da aposta da Deputación pola defensa e impulso do rural. A publicación Gorca Rete é unha novela de ficción que promove o valor social e patrimonial das vilas Bogo, Vilarxubín e Sampaio, así como das súas xentes pois a obra conta coa aparición de veciños do lugar coñecidos pola escritora”.

Sinopse de Gorca Rete

A novela infantil trata da vida do fotógrafo Gorca Rete, que tras intentar fotografar en Bogo a unha corza dando a luz, tropeza e sufre un accidente, no que falece e se converte en trasno.

É entón cando o fotógrafo comeza a narrar a historia sobre a maxia nos bosques situados no “Triángulo dos Trasnos”, que conforman as aldeas que rodean o río Reigosa: Bogo, Sampaio e Vilarxubín, nesta última é onde o fotógrafo trasno remata a súa viaxe colocado nun pedestal, converténdose nunha estatua para reivindicar o valor do rural, e promover a conservación das vilas.

Ao longo da viaxe, Gorca retrata a actividade social neste triángulo máxico con personaxes como o dono da taberna, Daniel do Pérez, as lavandeiras do Ponte de Paradela, ou gaiteiro Poldo, de Vilaeimil.

Monse Fernández Álvarez

Monse Fernández Álvarez (Ourense), viviu a súa infancia en Calatayud. Iniciou os seus estudos universitarios en Zaragoza, que rematou na USC, pasando por unha estancia en Tromsø (Noruega). Dende 2008 a escritora asentouse en A Pontenova xunto a súa familia, onde rexentan a Casa do Fidalgo, situada na parroquia de Bogo. Como a súa familia é descendente do fidalgo, decidiron habilitar o pazo, que levaba abandonado dende 1937, para acondicionalo como unha casa de turismo rural. A parte de dedicarse á escritura e á hostaleira, a autora tamén canta, toca o piano, o acordeón e a gaita.

7 de febreiro de 2018 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.