publicidade hoxe

A Deputación da Coruña inviste 227.500 euros en melloras nos viais e a iluminación pública de Cee

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCeeLocal Portada
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a formalización dos contratos de catro obras que financia a Deputación da Coruña no Concello de Cee. A través dos distintos plans da institución provincial, destínanse un total de 227.519 euros a estes proxectos que consistirán na pavimentación e acondicionamento de viais municipais, a reforma da praza de Xallas e a renovación da iluminación pública no centro urbano de Cee.

Este último proxecto é o de maior orzamento, cun total de 106.218 euros que se utilizarán para substituír as luminarias nas rúas Alvarellos Berrocal, Rosalía de Castro e Arriba, ademais da praza da Constitución.

O proxecto inclúe a renovación do cableado eléctrico e a instalación de 10 novas luminarias de columna e 58 de parede, así como proxectores LED no pavimento, que melloren a iluminación e reduzan o gasto eléctrico. Grazas a esta tecnoloxía, conseguirase un importante aforro enerxético de ata o 70% con respecto ás actuais luminarias.

Os novos farois executaranse en aceiro inoxidable lacado e terán unha estética contemporánea, pero adaptada ao contorno antigo no que se colocarán.

Na praza da Constitución, renovaranse as 10 farolas e os seus báculos e tamén se instalarán cinco proxectores debaixo dos bancos para mellorar a iluminación do paseo central. Así mesmo, colocaranse nove protectores nas balizas luminosas existentes.

Praza central de Xallas

A Deputación da Coruña inviste 29.900 euros para levar a cabo diversos traballos que mellorarán o aspecto estético e a funcionalidade da praza de Xallas, o espazo central deste núcleo rural no que residen arredor dun centenar de veciños.

A primeira destas melloras será a demolición da totalidade do pavimento actual, para posteriormente executar un novo pavimento continuo de formigón de 12 centímetros de espesor rematado con area de cuarzo, que ocupará unha superficie total de 630 metros cadrados.

Así mesmo, instalarase un peche para os contedores de lixo, en madeira de autoclave tratada, co obxectivo de adecualos á estética do entorno.

Tamén se reparará e limpará o muro de contención situado a carón dos contedores, e se instalará unha varanda que estará realizada igualmente en madeira de autoclave.

Pavimentación das beirarrúas de Gures

No lugar de Gures, situado na parroquia da Ameixenda, as obras que financia a Deputación consistirán na pavimentación de varios tramos de beirarrúas, que suman un total de 835 metros cadrados, e nas que sitúan a maioría das vivendas dos 85 habitantes da localidade.

O orzamento deste proxecto é de 30.222 euros e inclúe a demolición da superficie actual e a execución da nova capa de formigón, de 12 centímetros de espesor.

Estrada de Canosa a Lires

Por último, a Deputación da Coruña destina outros 61.178,53 euros ao mantemento e conservación da estrada que une Canosa con Lires.

Este viario municipal presenta varias deficiencias na capa de rodaxe, polo que se repavimentará con mestura bituminosa en quente. Así mesmo, limparanse as cunetas a ambas marxes e pintaranse as liñas laterais da estrada.

En total, actuarase nun tramo de 1.480 metros de longo, cun ancho medio de 5 metros.

8 de febreiro de 2018 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.