publicidade hoxe

A Deputación da Coruña financia a pavimentación do acceso e o patio interior do CPI de Bembibre, en Val do Dubra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVal do Dubra
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación dun proxecto para mellorar as pavimentacións do CPI de Bembibre, no Concello de Val do Dubra, que financia a Deputación cos fondos do Plan de Acción Social.

O orzamento para estas obras ascende a 48.441,55 euros, e incluirán traballos tanto na explanada de acceso ao centro educativo coma no patio interior cuberto.

Beirarrúas desde a entrada ao centro ata a Rúa Socortes

O acceso ao CPI de Bembibre realízase desde unha explanada de preto de 580 metros cadrados, que actualmente esta pavimentada con asfalto. Esta superficie emprégase tanto para o estacionamento dos buses escolares como para os vehículos particulares que levan aos alumnos ao centro.

Na actualidade, o espazo non presenta beirarrúas nin percorridos delimitados para os peóns, o cal ocasiona unha situación de inseguridade para os alumnos e dificulta a circulación fluída entre os buses e os demais vehículos.

Co obxectivo de mellorar esta situación, demolerase a totalidade do pavimento existente e posteriormente executarase unha beirarrúa de 4 metros de ancho que conectará o portal de entrada do CPI coa beirarrúa da Rúa Socortes. Deste modo, os autobuses escolares terán un espazo delimitado para estacionarse, proporcionando un itinerario seguro para que o alumnado acceda a pé ao centro.

O resto da explanada repavimentarase con aglomerado en quente, sobre unha capa de grava con rego semiprofundo. Así mesmo, instalaranse sumidoiros e canalizacións para pluviais e alumeado público.

Pavimentación do patio interior

O patio interior cuberto do colexio de Bembibre ten unha superficie de aproximadamente 900 metros cadrados, cun pavimento asfáltico que presenta numerosas irregularidades e fochas que impiden a correcta drenaxe da auga de chuvia, o cal ocasiona o deterioro progresivo do espazo e limita o seu uso polo alumnado do colexio.

As obras propostas consisten na demolición do pavimento actual e na execución dunha nova pavimentación de formigón de 12 centímetros, asentado sobre unha capa de 10 centímetros de zahorra. Esta superficie executarase cunha lixeira pendente que facilitará a evacuación da auga de choiva.

Ademais, os sistemas de drenaxe atópanse taponados e en mal estado, polo que será necesaria a execución de novos sumidoiros e tubaxe de PVC, así coma a limpeza, posta a cota e reparación dos existentes.

14 de febreiro de 2018 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.