A Deputación da Coruña achega os manxares dos concellos en Xantar
A área de Turismo da Deputación da Coruña participa no 19º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, cunha mostra da riqueza gastronómica dos concellos cun espazo propio na feira e participación nos showcookings con elaboracións dos pinchos irmandiños de Vimianzo, o bolo do pote de Mazaricos, o polbo á mugardesa ou as filloas de Zas. A Feira Internacional de Gastronomía Xantar desenvólvese no Recinto Feiral Expourense até o 4 de febreiro.
Calidade e variedade son as dúas trabes que definen o conxunto de produtos e propostas gastronómicas que a Deputación da Coruña desprega na súa participación na 19ª edición da única feira internacional de Turismo Gastronómico, recollida no calendario oficial de Feiras Comerciais Internacionais.
O pan de Carballo, os pementos de Padrón, ou o vermú Petroni son algúns dos produtos que se poden degustar no espazo da Deputación da Coruña na feira á que acude por terceiro ano consecutivo.
Con máis dun cento de festas gastronómicas espalladas polas 18 comarcas da provincia, a Deputación achega material informativo en que se recolle a oferta festivo-culinaria que se organiza nos distintos concellos da Coruña.
Durante a xornada do venres 2 de febreiro, a Deputación ten programado entre as súas actividades a realización de dous showcooking, nos que o concellos de Vimianzo cos “Pinchos Irmandiños”, e o xeodestino Muros -Noia coa “Cociña do mar na Ría de Muros e Noia”, exhibirán ante o público asistente como é o proceso de elaboración destes dous referentes da cociña coruñesa.
Xa na xornada do sábado, e co gallo da celebración do Día da Provincia da Coruña, o responsable da área de turismo, Xosé Regueira, intervirá (12:30h) no acto de presentación institucional desta efeméride, para, de seguido, presenciar dous novos showcooking, nos que o concello de Zas, coa elaboración das súas filloas, e o concello de Mugardos, co Polbo á Mugardesa” prepararán ao vivo dous dos pratos máis representativos da provincia.
O deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou que “a variedade e a calidade dos produtos e a elaboración dos nosos concellos son dous ingredientes fundamentais dentro da oferta turística da Coruña”, ao tempo que destaca que Xantar “representa un extraordinario escaparate para promover as propostas gastronómicas dos nosos concellos”.
O 19º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, ten lugar en Ourense entre o 31 de xaneiro e o 4 de febreiro. Un evento que durante a súa pasada edición recibiu a visita de 24.000 persoas, acolleu máis de 200 experiencias enogastronómicas e turísticas, e albergou un total de 232 expositores, chegados de todo o mundo. Ademais, esta 19ª edición contará con Portugal como país convidado, un estado no que a gastronomía é considerada Patrimonio Nacional.











