publicidade hoxe

A Consellería de Educación licita por 632.000 euros a rehabilitación enerxética do CPI Alfonso VII, en Caldas de Reis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licita a obra de rehabilitación enerxética do CPI Alfonso VII, de Caldas de Reis, por un importe de 632.300 euros e un prazo de execución de dous meses e medio meses, tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180223/AnuncioG0164-200218-0001_gl.html ).

O director xeral de Centros da Consellería de Educación, José Manuel Pinal, e mailo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez, visitaron esta mañá o centro, no que explicaron que os traballos que se van levar a cabo supoñen unha reforma integral (enerxética e funcional) deste colexio, co obxectivo de ofrecer unha maior confortabilidade aos usuarios ao tempo que acadar un aforro nos custes de mantemento derivado dun menor consumo de luz e calefacción. Logo do estudo enerxético realizado pola Consellería, detectáronse unha serie de deficiencias relativas a filtración de aire na envolvente do edificio, de humidades nas ventás e nas caixas das persianas e de baixa iluminación natural nas aulas que xustifican dita intervención.

A actuación -que está cofinanciada con fondos FEDER- afectará ás fachadas, baixocuberta, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións. Deste xeito acometerase o illamento térmico da fachada exterior, o illamento de forxado no baixocuberta, a renovación das actuais ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético anual do 29%. Tamén se procederá á reparación e pintado de paramentos interiores.

Esta rehabilitación integral do CPI Alfonso VII enmárcase dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha en 2016 en toda Galicia, e que no presente ano 2018 suporá un investimento de preto de 4,5 millóns de euros en obras de mellora enerxética en 9 centros educativos, incluído o que hoxe se licita.

Como novidade para as obras que se desenvolven a partires de agora, ao abeiro do Plan de Rehabilitación Integral dos centros para 2018, a Consellería -en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)- convida a arquitectos novos a participar nestes proxectos.

No marco do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas, posto en marcha en 2016 e que conta cun orzamento global de 118,5 millóns de € ata 2020, a Consellería desenvolverá ao longo deste ano obras de Rehabilitación Integral (enerxética e funcional) en 9 centros de ensino; en concreto no CPI do Feal (Narón), no CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz (Touro), no CEIP Veleiro-Docampo (Castro de Rei), no CEP Luís Tobío (Viveiro), no CEIP Plurilingüe de Ribadavia, no CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia), no CPI Alfonso VII (Caldas de Reis), no CPI Santa Lucía (Moraña) e no CEIP Pena de Francia (Mos).

Aposta polo medio ambiente

Con estas actuacións a Consellería dá cumprimento á Estratexia Europa 2020 e á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público galego para o período 2015-2020, na que a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas. Non en balde, no 2016 e 2017 executáronse actuacións de eficiencia en 18 centros, que consistiron basicamente en accións de mellora do illamento térmico, substitución de ventás e colocación de luminarias de alta eficiencia enerxética, por un importe de 8,25 millóns de euros.

Co investimento en actuacións de eficiencia enerxética e mellora funcional nos centros búscase un aforro enerxético – e un menor custo derivado do consumo de luz e calefacción-, á par que se xeran novas oportunidades de emprego, a través da participación no deseño dos proxectos de arquitectos novos. Ademais, contribúese a un modelo de desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente.

23 de febreiro de 2018 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.