A Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística asumirá novas competencias e máis servizos nos concellos adheridos
A Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística (Aplu) ampliará as súas funcións este ano ao asumir novas competencias municipais en materia de disciplina urbanística e estrear unha serie de servizos para asistir aos concellos de forma presencial e online.
Así o adiantou esta mañá o director da axencia, José Antonio Cerdeira, no transcurso da xornada Novos servizos e competencias da Aplu celebrada en Ourense e que congregou a máis de 80 alcaldes e técnicos municipais de 70 concellos da provincia. Entre as principais novidades nas que traballa a Aplu co fin de mellorar o seu funcionamento, Cerdeira destacou a previsión de asumir tamén as competencias sobre as infraccións naquelas obras suxeitas a comunicación previa municipal e non só nas que requiran de licenza.
Na actualidade, explicou, os convenios de delegación de funcións dos concellos adheridos tan só contemplan a intervención da Aplu cando a obra está sometida a licenza. Sen embargo, son as pequenas construcións, como muros de peche ou alpendres, as que xeran a gran maioría das infraccións nos concellos máis pequenos, precisamente os que máis necesitan do auxilio do organismo autonómico para poder exercer as súas competencias en materia de urbanismo. Neste sentido, a ampliación das competencias da Aplu responde a unha demanda dos propios concellos, que reclaman que esta poida asumir tamén a disciplina urbanística en todo tipo de obras e usos do solo.
Así mesmo, outra das novidades anunciadas no marco desta xornada é a axilización dos trámites administrativos relacionados cos recursos de reposición. Nestes momentos, as entidades locais adheridas teñen atribuída a competencia para resolver estes recursos. A proposta da Aplu é asumir esta competencia, previo informe de conformidade do concello, co fin de axilizar e facilitar a xestión deste tipo de procedementos administrativos.
A delegación destas competencias municipais, en todo caso, será voluntaria e requirirá dunha modificación dos convenios de adhesión subscritos entre cada concello e a Aplu, empezando polos de menos de 5.000 habitantes por ser estes os que dispoñen de menos recursos materiais e persoais.
Dos 66 concellos adheridos á axencia na actualidade, 43 non chegan aos 5.000 habitantes. No caso da provincia de Ourense, a porcentaxe é aínda maior xa que 18 dos 20 concellos integrados na Aplu están por debaixo da barreira dos 5.000 veciños, motivo polo que José Antonio Cerdeira subliñou que esta provincia será a máis beneficiada pola ampliación de competencias que se propón desde a axencia.
Durante a xornada, á que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, o director da Aplu explicou que, co fin de ofrecer un servizo e unha atención mellorados, os concellos adheridos verán incrementados en 2018 os seus ingresos en concepto de multas e sancións, xa que pasarán a percibir o 10% de todo o diñeiro que recade o organismo autonómico no seu termo municipal en aplicación tanto das competencias urbanísticas cedidas como das propias da axencia.
Así mesmo, o ente autonómico tamén creará un servizo de cooperación e asistencia municipal e estreará páxina web, incluíndo na mesma un novo espazo de atención específica para todas as entidades locais adheridas.
Balance de 2017
O proceso de renovación e ampliación de competencias que afrontará a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística en 2018 vén precedido dun ano con resultados excelentes. Así, en 2017 executáronse un total de 205 reposicións urbanísticas, unha cifra récord xa que foi a máis alta desde a posta en marcha da axencia no ano 2007.
Por outra banda, o organismo autonómico tamén resolveu 441 expedientes e realizou 1.256 inspeccións, un labor de prevención fundamental para impedir agresións ao territorio.











