Xa está aberto o prazo para participar no concurso da Deputación para a mellor idea ou proxecto empresarial de Deza
Desde este martes 23 de xaneiro está aberto o prazo de presentación das propostas para a mellor idea emprendedora ou proxecto empresarial, que recibirá como premio a cesión, durante o prazo dun ano, dun espazo libre nas instalacións do viveiro de empresas de Lalín, de titularidade provincial. O prazo de presentación das ideas ou proxectos estará aberto ata o vindeiro 22 de febreiro e para participar debe realizarse unha instancia dirixida á Presidencia da Deputación de Pontevedra acompañada pola documentación requirida para participar no concurso, publicada no BOPPO o pasado luns 22 de xaneiro.
O premio ten por obxectivo incentivar as ideas emprendedoras e innovadoras, estimulando, asesorando e recoñecendo aquelas iniciativas empresarias viables que, aproveitando os recursos locais, promovan o autoemprego e a creación de postos de traballo e, á súa vez, sirvan para diversificar o tecido empresarial da provincia de Pontevedra e da comarca de Deza. Deste xeito, a persoa gañadora poderá gozar durante un ano dun espazo libre no viveiro de empresas do Polígono de Lalín 2000, cuxo prezo medio dunha oficina é de 1.351,20 euros e de nave entre os 9.436,66 e os 10.263,80 euros. Ademais, a iniciativa premiada será apoiada, asesorada, e guiada pola AED na súa posta en marcha do proxecto.