Unha trintena de establecementos comerciais da provincia de Lugo recibiron achegas para obras de mellora e modernización
Un total de 30 establecementos comerciais da provincia de Lugo recibiron apoio da Xunta de Galicia para acometer obras de reforma ao abeiro da convocatoria de axudas para a mellora da imaxe, acondicionamento e modernización do comercio retallista.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que as achegas suman en total 156.000 euros, e teñen por obxectivo conseguir “que o comercio de proximidade sexa competitivo no marco actual, condicionado polos novos hábitos de compra dos consumidores, como o comercio online, e a importancia estratéxica da imaxe e da presentación do produto”.
O delegado explicou que os comerciantes recibiron axudas de ata 16.000 euros e o 50% do investimento en proxectos de modernización integral dos locais comerciais, no caso de que contaran cun proxecto técnico de decoración e interiorismo, e de ata 3.600 euros e o 40% do investimento de non precisar proxecto técnico.
As axudas cobren as obras de reforma e acondicionamento integral da superficie de exposición e venda do local, a adquisición de moblaxe e actuacións de mellora da fachada e imaxe exterior.
Ademais, 11 dos empresarios beneficiarios accederon tamén ao tícket de xestión de comunidades virtuais, que permite contar cos servizos dun xestor profesional de redes sociais (community manager) no marco do Programa de Social Commerce.
Este Programa de Social Commerce diríxese fundamentalmente a afianzar o éxito dos comercios galegos no eido das novas tecnoloxías, fixando obxectivos empresariais e compartindo experiencias, novas fórmulas de promoción e comercialización, recursos e tendencias para mellorar a súa competitividade.
Neste sentido, Balseiro sinalou a necesidade de “incorporar o comercio intelixente ao comercio retallista, conxugando a proximidade e a atención personalizada que sempre o caracterizou co aproveitamento das oportunidades tecnolóxicas para complementar os servizos que se prestan aos clientes”.