publicidade hoxe

Sorolla, Dalí, Picasso ou Warhol serán protagonistas da nova programación museística da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde avanzou este mércores as máis de 20 mostras e coleccións que acollerán as salas expositivas do organismo provincial ao longo de todo o ano, cun carácter significativo, pois neste 2018 celébrase o Ano do Patrimonio Europeo. Fíxoo xunto á Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e ás responsables da Rede Museística Provincial e o CENTRAD, así como persoal dos museos.

Campos Conde subliñou que “esta nova programación conta con máis de 20 exposicións nas que se poderán desfrutar de obras de pintores como Murillo, Zuloaga, Sorolla, Ribera ou Rosales, entre outros grandes artistas. Ademais haberá unha mostra de gravados, dende as primeiras vangardas ata as propostas posmodernas de finais do século pasado, na que estarán presentes obras de artistas tan importantes na historia da arte como Picasso, Andy Warhol, Dalí, Tapies ou Saura”.

O Presidente explicou “esta ampla programación recolle gravado, pintura, escultura, así como mostras de traballos colectivos, cun marcado carácter social como Culturas en diálogo ou Fotografía a cegas”.

A Deputada de Cultura explicou que “os visitantes poderán gozar dunha completa programación cultural na que se inclúe a obra de David Catá, que aínda está exposta; pezas cedidas gratuitamente pola familia Gil Varela, que conta con pinturas de Murillo, Zuloaga, Sorolla, Ribera ou Rosales; a mostra de Picasso a Annish Kapur, que percorrerá os catro museos da rede provincial e na que estarán presentes pinturas de Andy Warhol, Dalí, Tapies ou Saura. Ademais acollerá a obra do escultor Pepe Galán; o traballo do arquitecto e escultor chantadino, Manuel Jorge; unha retrospectiva do profesor mindoniense-valenciano, Juan Puchades; a colección de Luís Seoane; acuarelas de Elías Seguro; a obra do artista monfortino, Roberto González, así como outras coleccións como Nós+outrxs en rede ou Culturas en Diálogo”, sinalou.

García Porto lembrou que esta mesma semana inaugúranse as exposicións do CENTRAD. “o vindeiro venres 19 de xaneiro, a Capela de Santa María acolle a primeira mostra do 2018, baixo o título “Sons do barro”, que recolle unha colección única e excepcional dun centenar de instrumentos sonoros feitos con arxila. Despois continuará coa programación musical do MUSICAD, así como unha mostra de Traxandaina sobre vestimenta tradicional galega. Ademais o artista viveirense Otero Regal exporá a súa obra máis recente e haberá unha retrospectiva do traballo dos zoqueiros na provincia”.

Nova museoloxía

A Deputada de Cultura lembrou que a Deputación presenta a nova programación sen rematar aínda a do ano 2017, e remarcou que “dende a nosa área seguiremos traballando nos proxectos dos postulados da nova museoloxía, que avogan pola museoloxía social, co fin de incorporar á comunidade aos espazos expositivos para pasar de ser lugares de contemplación a espazos de diálogo social”.

17 de xaneiro de 2018 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.