Rueda destaca que a colaboración cos concellos permite levar adiante actuacións que redundan directamente no benestar da cidadanía
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou hoxe que a colaboración cos concellos permite levar adiante actuacións que redundan directamente no benestar da cidadanía, como é o caso da mellora da Ribeira do Chazo neste concello pontevedrés.
Alfonso Rueda, visitou esta mañá o concello da Illa de Arousa, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e da directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, onde foron recibidos polo seu alcalde, Carlos Iglesias e puideron comprobar de primeira man o estado da obra de mellora da seguridade e pavimentación da Ribeira do Chazo.
Neste caso concreto, grazas a colaboración entre Xunta e Concello púidose mellorar este espazo, a súa salubridade e seguridade, recuperando unha parte da localidade que se estaba a degradar, actuación levada a cabo grazas a unha axuda da Orde de Infraestruturas da Vicepresidencia contou cun investimento de máis de 100.000 euros, dos cales 40.000 euros foron aportados polo Goberno galego, para levar a cabo melloras neste espazo.
Grazas á Orde de Infraestruturas, a Xunta apoia aos concellos galegos para financiar infraestruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se presten servizos administrativos.
Ademais, o concello se beneficiou o ano pasado doutra axuda da Vicepresidencia ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, en colaboración co concello de Cambados, cun proxecto de concienciación e control ambiental, e coa Mancomunidade do Salnés para levar actuacións de conservación ambiental dos núcleos rurais dos concellos que forman parte da Mancomunidade.
Ademais, cabe lembrar que a pasada semana publicáronse no Diario Oficial de Galicia as convocatorias para este exercicio, tanto da Orde de Infraestruturas de uso público como do Fondo de Compensación, superando entre ambas os 13 millóns de euros.