publicidade hoxe

Rey Varela destaca a creatividade e talento dos participantes no 22º certame de tarxetas de Nadal de Special Olympics

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Entrega de agasallos do certame de tarxetas de Nadal

Entrega de agasallos do certame de tarxetas de Nadal

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, felicitou hoxe aos 851 participantes do certame de tarxetas de Nadal que organiza Special Olympics en colaboración con Fademga Plena Inclusión durante o acto de entrega de agasallos que se celebrou en San Caetano. Os concorrentes forman parte dun total de 30 entidades galegas que traballan no eido da discapacidade intelectual.

Rey Varela destacou a capacidade, o talento e a creatividade de todos os presentes e destacou a importancia da celebración deste tipo de iniciativas para dar visibilidade ás persoas con discapacidade e para a concienciación da poboación no tocante á inclusión real e efectiva. “A celebración deste certame é de vital importancia xa que tamén facilita un espazo á expresión artística dos participantes”, apuntou o responsable das políticas sociais galegas.

Neste sentido, reiterou o firme compromiso da Xunta pola plena igualdade de oportunidades, un obxectivo compartido con Special Olympics, afirmando que “non se trata de que as persoas con discapacidade se adapten para integrarse na sociedade, senón que é a propia sociedade a que as ten que incluír”. “Temos a obriga de abordar a discapacidade desde a igualdade, a non discriminación e a acción positiva”, engadiu Rey Varela.

Hoxe foi un día de recoñecemento para os participantes, pero tamén para as súas familias que son un piar fundamental para o desenvolvemento das persoas con discapacidade, tal e como declarou o conselleiro durante a súa intervención. “Elas e as entidades garanten o benestar deste colectivo e nós, como administración pública, non podemos facer outra cousa que apoialos e acompañalos a través de medidas que dean resposta ás súas necesidades”, afirmou Rey Varela.

No acto repartíronse un total de 22 agasallos entre premios e accésits consistentes en lotes de material cedidos por Alcampo Santiago para os centros aos que pertencen os galardoados. Ademais, entre as postais finalistas, a Consellería de Política Social escolle cada ano a súa felicitación de nadal.

Apoio á discapacidade

O obxectivo de seguir traballando en mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade tradúcese nun incremento nos orzamentos de 2018 da partida económica destinada á atención deste colectivo, que aumenta un 8,6% con respecto a 2017, ata chegar aos 102,8 millóns de euros.

Este reforzamento orzamentario fai posible, entre outras medidas, consolidar a rede autonómica de atención á discapacidade, incrementar os fondos destinados aos convenios coas federacións e aumentar as axudas a entidades de ámbito municipal para actuacións de mellora da accesibilidade.

29 de xaneiro de 2018 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.