publicidade hoxe

O Plan Único financia a instalación de céspede artificial nos campos de fútbol do Coto e San Mamede, en Vedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVedra
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a aprobación dos proxectos que o Concello de Vedra realizará cos fondos do Plan Único da Deputación. A institución provincial achega este ano 635.176 euros ao concello, que decidiu destinalos a renovar o céspede artificial nos campos de fútbol do Coto e San Mamede e á ampliación da rede de abastecemento de auga potable.

Gran parte dos fondos aportados pola Deputación, 217.989 euros, utilizaranse para sufragar o gasto corrente municipal, custeando así servizos básicos coma o subministro de auga, a rede de sumidoiros, a limpeza viaria ou o alumeado público.

Melloras nas instalacións deportivas

O proxecto para renovar as dotacións dos campos de fútbol municipais conta cun orzamento total de 273.000 euros, dos cales a Deputación financia 193.311 euros, algo máis do 70%.

As obras realizaranse no campo de fútbol do Coto, situado no lugar de Tomonde e no que xogan habitualmente os equipos da Unión Deportiva Val do Ulla, e no campo de San Mamede, que é utilizado para os partidos e adestramentos do CD San Mamede.

O principal obxectivo destas obras será a renovación do céspede artificial, xa que as dotacións actuais teñen aproximadamente 12 anos de antigüidade e non superan as probas de absorción de impactos, rebote e rodadura de balón que esixen as normativas vixentes.

O novo céspede instalarase aproveitando os recheos existentes de area e caucho, e ocupará unha superficie de 55 x 101 metros en San Mamede e de 58,04 x 105,28 metros no Coto.

7.000 metros máis de rede de abastecemento

O segundo proxecto que realizará o Concello de Vedra cos fondos do Plan Único da Deputación será a ampliación da rede de abastecemento nos lugares de San Xián de Sales, Illobre, Marzán (Vedra) e Vilar (San Pedro de Vilanova).

A institución provincial destina 213.876 euros a este proxecto, que consistirá na instalación de máis de 7.000 metros de tubaxes, co obxectivo de subministrar este servizo básico ás partes do concello que aínda non dispoñían do mesmo.

As canalizacións executaranse en polietileno, fundición e PVC, segundo as necesidades concretas de cada zona. Todas elas colocaranse en zanxas de un metro de profundidade, sobre unha base de arena e contarán cun recheo, tamén de area, arredor da condución. Tras as obras, reporanse as capas de firme ou de pavimento afectadas.

30 de xaneiro de 2018 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.