O DOG publica o decreto de utilidade pública e dispón a ocupación dos bens afectados pola execución dunha glorieta na travesía de Curtis
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola execución dunha glorieta na travesía de Curtis. Concretamente, trátase de transformar a intersección existente no punto quilométrico 21+900 da estrada AC-840 (Betanzos-Lim. Prov-Agolada) para mellorar a súa seguridade viaria.
Esta actuación suporá un investimento da Administración autonómica próximo aos 240.000 euros, aos que deberán engadirse os 8.822 euros nos que se estima inicialmente o custo das expropiacións, que afectan a 13 fincas. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda licitará as obras nas vindeiras semanas.
O obxectivo desta actuación é transformar en glorieta a intersección existente entre a estrada provincial DP-3204 e a AC-840 (Betanzos-lim.prov-Agolada), no punto quilométrico 21+900, coñecido coma cruce do Empalme.
Na actualidade, nese punto existe unha intersección en cruz que conta cunha visibilidade bastante reducida por mor da proximidade dun cambio de rasante, polo que a súa transformación en glorieta permitirá acougar o tráfico e permitir os xiros na estrada en condicións máis seguras.
A actuación complementa á obra que actualmente está a executar a Xunta de construción dunha senda na marxe dereita da AC-840, no tramo comprendido entre o p.q. 20+145 (en Alto da Espeniña) e o 21+880 (intersección coa estrada autonómica AC-230 en Curtis), e na que se prevé mellorar outra intersección próxima, o cruce coa estrada ao cemiterio (p.q 21+240). Esta obra, que conta cun orzamento próximo a 500.000 euros estará finalizada nesta primavera.