O Campus de Vigo acolle ata o 10 de febreiro a exposición “Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”
A exposición “Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, chega ao Campus de Vigo. Así, desde hoxe e ata o vindeiro 10 de febreiro, as persoas interesadas en coñecer a participación e o papel da muller no mundo do mar poderán visitar a mostra no Edificio de Ciencias Experimentais da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo.
“Sustentabilidade en feminino” chega a Vigo tras o seu paso pola Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Pontevedra. De feito, foi neste Campus e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para visibilizar o papel da muller e a súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.
A mostra, que poderá visitarse na Facultade de Ciencias do Mar ata o vindeiro 10 de febreiro, está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía Aida Fernández. “Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o invisibilizado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre os futuros profesionais e científicos.