Máis de 1.300 persoas visitaron a campaña ‘O que se enchufa, recíclase’ en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático na visita ao stand

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático na visita ao stand

Máis de 1.300 persoas pasaron xa polo stand instalado en Santiago no marco da campaña O que se enchufa, recíclase, unha iniciativa que leva catro meses percorrendo a xeografía galega co obxectivo de mellorar a xestión e a recuperación dos refugallos procedentes de aparellos eléctricos e electrónicos. Así o constatou hoxe a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, durante unha visita ao posto informativo da campaña que desde o pasado 20 de decembro está situado na praza de Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en colaboración coa oficina de coordinación loxística para a recollida dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (Ofiraee), puxo en marcha esta campaña de sensibilización e divulgación co fin de incrementar as cotas de reciclaxe en Galicia deste tipo de refugallos.

As accións informativas promovidas baixo o nome de O que se enchufa, recíclase arrancaron oficialmente a finais de setembro en Ferrol e ata o momento percorreron un total de 55 concellos, entre eles, as cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago, onde o stand permanecerá ata o vindeiro 27 de xaneiro.

O obxectivo da iniciativa é chegar, en total, a 138 municipios galegos de máis de 4.000 habitantes. En todos eles e durante un período limitado de tempo, porase a disposición dos cidadáns un posto informativo no que un equipo técnico explicaralles a importancia de reciclar os residuos procedentes de aparellos eléctricos e electrónicos e ofrecerá información sobre os lugares e establecementos existentes na súa localidade para poder depositalos.

Para acadar este dobre obxectivo de sensibilizar e informar á poboación, está previsto que durante os 9 meses que dure a campaña se instalen un total de 1.000 contedores entre os diferentes establecementos adheridos, tanto tendas de barrio como grandes superficies comerciais, nos que os veciños poderán depositar os aparellos que xa non usen ou que deixaran de funcionar.

No caso concreto de Santiago, son 14 os contedores repartidos por toda a cidade nos que se poden depositar os refugallos eléctricos ou electrónicos.

No marco da campaña O que se enchufa, recíclase está previsto desenvolver unhas 700 accións informativas de carácter itinerante por toda Galicia que inclúen tamén visitas a centros educativos co fin de concienciar aos nenos sobre a importancia de non tirar esta clase de aparellos e de darlles unha segunda vida coa reciclaxe. Paralelamente, a iniciativa refórzase desde as redes sociais e a través da páxina web da campaña.

Un dos puntos fortes desta iniciativa de sensibilización é combater os efectos negativos do vertido incontrolado de aparellos eléctricos e electrónicos, especialmente dos máis pequenos. Así mesmo, tamén se busca eliminar as prácticas ilegais asociadas á súa xestión e informar á cidadanía sobre a importancia do correcto tratamento de cada tipo de refugallo mediante unha tripla acción: reparar, reutilizar e reciclar.

O que se enchufa, recíclase forma parte das accións recollidas no Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022, que establece as bases para impulsar o tratamento de residuos domésticos cara a un escenario máis sostible, e se enmarca na futura Estratexia galega de economía circular, que pretende abandonar o caduco sistema lineal de fabricar-usar-tirar para cambialo por outro que permita o máximo aproveitamento dos produtos.

Máis de 14.000 toneladas recollidas en Galicia

Durante o ano 2016, o último no que se dispón de datos pechados, recolléronse en Galicia máis de 14.000 toneladas de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos. Isto significa que cada galego xerou unha media de 5 quilogramos destes refugallos de moi diversa tipoloxía: desde un simple móbil ata elementos de maior envergadura, como frigoríficos ou conxeladores.

A cantidade destes residuos retirados na comunidade autónoma durante 2016 supón un incremento do 32% con respecto ao balance do exercicio anterior, no que se recolleran en total 10.600 toneladas. O obxectivo da campaña O que se enchufa, recíclase é seguir incrementando estas cifras pola vía da información e da sensibilización.

25 de xaneiro de 2018 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.