Fundación Paideia e Agadic organizan tres xornadas sobre a profesionalización da música en directo
A situación laboral dos músicos emerxentes nos concertos centrará as tres xornadas que, baixo o título A música en directo. Somos profesionais?, organiza a Fundación Paideia Galiza coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A cotización á Seguridade Social neste sector centrará a primeira das sesións, que terá lugar mañá, ás 19,00 h., na sede da fundación na Coruña.
Nela participarán Juan Alberto Martínez, quen ademais de cantante e guitarrista do grupo granadino Niños Mutantes, exerce como avogado especializado en Dereito Laboral; Javier Fernández, inspector de Traballo e Seguridade Social; e Ricardo P. Ron, profesor de Dereito do Traballo e Seguridade Social da Universidade da Coruña.
O vicepresidente da Fundación Paideia, Guillermo Vergara, presentará esta primeira xornada, que moderará a xornalista Marga Pazos. Así será tamén nas outras dúas citas do encontro, que terán lugar o 1 de marzo e o 5 de abril baixo os epígrafes Dereitos e obrigas dos/as músicos/as e promotores en materia tributaria e Como protexer a nosa música?, respectivamente. A asistencia ás tres xornadas é gratuíta, previa inscrición en www.paideia.es/eventos.
Para a segunda e terceira sesión contarase igualmente con especialistas nestas materias como Víctor Antón Rodríguez, director da axencia Gaias Eventos Musicales; Enrique Gómez, da Dependencia Rexional de Inspección da Axencia Tributaria; Víctor Salgado, socio-director de Pintos&Salgado Abogados, e Beatriz Patiño, doutora en Dereito e experta en Propiedade Intelectual, entre outros.
O obxectivo é abordar a lexislación en materia fiscal e a necesidade do rexistro das obras musicais como base para unha maior profesionalización do sector. Tamén se analizará a relación entre os músicos emerxentes e os promotores de eventos musicais públicos e privados, así como as situacións de inseguridade xurídica nas que poden atoparse os artistas.