publicidade hoxe

Franscisco Menéndez destaca a mellora da seguridade impulsada na estrada PO-308

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPontevedra
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Franscisco Menéndez, salientou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia que a Xunta está a traballar na mellora de seguridade da estrada PO-308 coa execución do Plan de Sendas e a eliminación de treitos de concentración de accidentes.

Menéndez subliñou que o eixo máis importante nesta zona do Plan de Sendas de Galicia sitúase, precisamente, ao longo da PO-308, estrada que suma máis de 15 quilómetros de novos itinerarios cos que mellorará de forma significativa a súa seguridade viaria.

O director explicou que na construción das sendas o criterio é manter a beiravía ou ampliala na medida do posible e ademais cómpre tomar medidas para que haxa un respecto axeitado entre os distintos usuarios da estrada.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda mantén aberta unha liña de colaboración e diálogo tanto coas autoridades competentes en materia de tráfico coma coa Federación Galega de Ciclismo. O obxecto é establecer as bases para colaborar nas actuacións de fomento da seguridade viaria dos ciclistas, con especial incidencia na mellora da súa visibilidade no seu tránsito polas estradas. Así, para reforzar a sensibilización repartíronse 1.300 chalecos reflectantes entre ciclistas deportivos da comunidade autónoma.

O director da AXI lembrou que o seu departamento se reuniu coa Federación Galega de Ciclismo, a Dirección Xeral de Tráfico e a Garda Civil, co fin de tratar distintas cuestións relativas á seguridade nas vías ciclistas. Estudouse a sinalización de dúas novas rutas frecuentadas por ciclistas en cada provincia e unha das estradas incluídas foi a PO-308. Na actualidade, estanse a dar os últimos pasos para delimitar con detalle estes itinerarios.

Esta estrada é obxecto da estratexia do Goberno galego para a eliminación do tramo de concentración de accidentes. A AXI está traballando no conxunto da estratexia a afrontar para toda a rede autonómica de estradas e nas actuacións concretas para a PO-308, de modo complementario e coordinado coas actuacións en materia de mobilidade sostible (sendas) que se están a desenvolver.

O director da AXI indicou que o proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-308 foi sometido a información pública o 20 de outubro de 2017, rematando o prazo de alegacións o 4 de decembro.

Proxecto de mellora de seguridade

Este proxecto consiste na mellora de interseccións, coa modificación do acceso á Praia de Areas, transformándoa nunha glorieta. Ademais de aumentar a seguridade da propia intersección, permitirá reordenar os xiros na estrada nalgunhas interseccións próximas e calmar o tráfico na contorna.

A actuación tamén contempla melloras en curvas nas que se teñen producido saídas de vía e o reforzo da sinalización, instalando novos paneis direccionais e do balizamento para facilitar a súa percepción.

O proxecto prevé arranxos dos pasos de peóns e das paradas de bus. Ampliarase a plataforma da estrada nas paradas existentes na marxe dereita da estrada nos pp. qq. 13+990 e 14+660 para que os autobuses non interrompan a circulación ao realizar as paradas. Executarase unha pequena senda peonil no espazo ocupado pola cuneta desde as paradas de bus ata o paso de peóns máis próximo.

Francisco Menéndez concluíu que a Xunta de Galicia está a traballar dun modo inédito na mellora desta estrada, consciente das súas necesidades, no marco deste Plan de Seguridade Viaria de Galicia e de acordo co resolto no Parlamento por unanimidade para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes.

18 de xaneiro de 2018 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.