publicidade hoxe

Fernando Suárez incorpórase como director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Manuel Baltar na reunión con Fernando Suárez

Manuel Baltar na reunión con Fernando Suárez

Fernando Suárez Lorenzo incorporouse hoxe ao seu cargo de director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, posto para o que fora nomeado o pasado mes de decembro. O presidente da institución provincial, Manuel Baltar, reuniuse hoxe con el e coa directora xeral de Recursos Humanos, Paloma Domínguez, para analizar os temas referidos ás súas funcións, como a xestión e desenvolvemento do ámbito da Transparencia na institución provincial e a execución do programa “Provincia Intelixente”, así como as labores de actualización, documentación e implementación de novos procesos de innovación nos ámbitos da Transparencia que abrangue a Deputación na provincia de Ourense.

Manuel Baltar afirma que a Deputación de Ourense “lidera rankings de transparencia nos ámbitos autonómico e nacional porque consideramos fundamentais as políticas de goberno aberto e de interacción cidadá para achegar aínda máis a Deputación aos veciños da nosa provincia”. “Debemos dispoñer dos mellores medios e sistemas tecnolóxicos e de comunicación para trasladar aos cidadáns toda a información pública que por lei se pode transmitir. Inmediatez, rigor e sinxeleza son claves nas políticas de transparencia, un traballo en rede que ten como obxectivo estar a un só “clic” dos cidadáns”, expresou o presidente do goberno provincial.

Fernando Suárez (Ferrol, 1973), licenciado en Informática pola Universidade da Coruña, é un dos impulsores do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Conta cunha destacada experiencia na implementación da e-Administración e da innovación na Administración Local, sendo responsable de proxectos como o Smart iAGo, e ocupando postos como o de xefe de sección de Sistemas, Comunicación e Innovación. Conta asemade cunha ampla formación en campos como a administración electrónica, smart cities, transparencia, certificado dixital, Big Data, materias das que ten impartido e dirixido numerosos cursos.

Entre os cargos que ten ocupado destacan a Presidencia do Colexio Profesional da Enxeñería Informática de Galicia (dez anos), a Vicepresidencia da Comisión de acreditación Euroinf da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade; a vogalía da Comisión de avaliación de enxeñería e informática da Axencia para a calidade do sistema universitario de Galicia, e o de xefe de Sistemas da Axencia de modernización tecnolóxica de Galicia. Ademais, é membro do Foro nacional de confianza dixital da Secretaría de Estado de Telecomunicacións, e ten oito libros publicados en distintas materias no ámbito da Enxeñería Informática.

16 de xaneiro de 2018 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.