publicidade hoxe

Fabiola García coñece de primeira man o labor e as necesidades de diversas entidades de Vilagarcía de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, realizou hoxe unha rolda de visitas a diversas entidades do ámbito da discapacidade sitas na localidade de Vilagarcía de Arousa co obxectivo de coñecer de primeira man a súa actividade diaria e escoitar as súas necesidades.

A primeira das visitas realizouse ao centro de día da Asociación Bata, que traballa en prol da mellora da calidade de vida das persoas con trastorno do espectro autista e das súas familias. Alí, a directora xeral percorreu as instalacións para as que a Xunta ten concertadas oito prazas. Ademais, Bata conta con outras 23 prazas concertadas (17 de internado e seis de respiro). A administración autonómica inviste 482.823,36 euros para o conxunto destas prazas.

Seguidamente, a directora xeral desprazouse ao centro educativo e de día Princesa Letizia Amencer- Aspace. Ao primeiro, acoden nenos e nenas e adultos de entre 3 e 21 anos con parálise cerebral e necesidades educativas especiais, mentres que o centro de día presta servizo a persoas de 16 anos en adiante que requiren igualmente de atención especializada, polo que a actividade diaria está organizada con obxectivos diferentes e sempre tendo en conta as necesidades individuais de cada usuario. Este centro tamén supón un respiro e unha axuda ao labor dos coidadores principais das persoas que fan uso do mesmo. Por iso, a Xunta mantén un contrato de xestión para a reserva e ocupación de prazas nestas instalacións, nas que ten concertadas oito prazas cun orzamento de 99.251,30 euros. Cómpre destacar que a Administración autonómica tamén ten concertadas 24 prazas no centro da entidade situado en Pontevedra para as que achega 297.753,60 euros.

Por último, Fabiola García visitou a residencia de maiores Divina Pastora, que das 102 prazas autorizadas coas que conta, 54 son públicas. Neste ano 2018, a Xunta de Galicia achega 724.769,25 euros para o mantemento das mesmas. Os usuarios da residencia contan con diversos servizos para fomentar ao máximo a súa autonomía e benestar entre os que se atopan obradoiros de estimulación cognitiva, fisioterapia, masaxe terapéutico, servizos médico propio, excursións ou baile.

A directora xeral agradeceu a estas tres entidades o seu traballo diario coas persoas maiores ou con discapacidade. “O seu compromiso e esforzo é imprescindible para garantir o benestar destes colectivos e nos marca o camiño que desde a Xunta debemos seguir percorrendo para cubrir as súas necesidades”, afirmou Fabiola García.

Durante as visitas, a titular do departamento autonómico destacou o incremento do 10% nos orzamentos para o 2018 da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, que alcanzan os 413,7 millóns de euros. Esta maior marxe orzamentaria permitirá, entre outras medidas, a creación de novas prazas, aumentar os convenios de colaboración con entidades e federacións que actúan no ámbito da discapacidade e reforzar a orde de axudas a concellos para a mellora da accesibilidade en espazos e edificios públicos.

24 de xaneiro de 2018 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.