Día de estrea do renovado pavillón do IES de Beade
Abel Caballero, alcalde de Vigo, e o deputado de Cooperación, David Regades, presidiu esta mañá á inauguración do reformado pavillón do IES de Beade, no que a institución provincial investiu 162.380 euros na reforma dos vestiarios, aseos e a reparación da pista, e o Concello asumiu o coste da conexión do saneamento.
No acto de inauguración, Carmela Silva subliñou que “con estas obras damos resposta a unha demanda da veciñanza que se remonta a hai unha década. Na súa intervención tamén quixo recordar que “todas as instalacións dos centros educativos teñen que ser de primeira calidade, por iso aínda que na Deputación de Pontevedra non temos absolutamente ningunha competencia en educación, como administración pública temos que respostar as demandas da sociedade, particularmente no mundo do deporte e da educación, xa que son instrumentos fundamentais para conquerir a igualdade de oportunidades”. A presidenta da Deputación de Pontevedra engadiu que “hoxe Beade cumpre un soño, cunha pista de última xeración e vestiarios adaptados ao século XXI, dende hoxe ten as instalacións que merece.
Silva, volveu a manifestar a súa preocupación “polo estado de deterioro que presentan numerosos centros escolares debido ao abandono do necesario mantemento que non está a facer a Xunta de Galicia. É a súa responsabilidade, dixo a presidenta, que instou de novo ao goberno de Feijoo a “cumprir co seu deber”.
Pola súa parte, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou a Carmela Silva polo seu compromiso coa cidade de Vigo e e congratulouse de que con estas obras “chegou a Beade o que tiña que chegar, estou moi orgulloso destas instalacións.”
Para rematar, Carmela Silva apuntou que espera “que aquí poidades crecer máis e mellor. Esta obra é un orgullo para o noso Goberno, xa que Beade é unha parroquia moi importante do concello de Vigo e este centro é unha referencia para a cidade”.