Deputación e USC inxectan 400.000 euros no Campus de Lugo para “reforzar xuntos a educación superior pública de calidade”
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Reitor da USC, Juan Viaño Rey, acompañados polo Vicerreitor do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, asinaron este luns o convenio de colaboración dotado de 400.000 euros (350.000 que achega a Deputación de Lugo e 50.000 a USC) para a 5º edición do Plan de Choque na universidade lucense. Fixérono nun acto público no Pazo de San Marcos, no que deron a coñecer os resultados acadados con plan, “que tivo unha repercusión moi positiva sobre a actividade do Campus de Lugo”, destacou Viaño. Neste senso, o Reitor engadiu que “o poder dispoñer dunha educación superior pública e de calidade é un dos piares do Estado do Benestar e un indicador de que queremos ser un país desenvolvido que aspira a estar entre os mellores do mundo. A USC e a Deputación de Lugo así o entenden e por elo traballan xuntas con iniciativas como a que hoxe vimos de asinar”. Pola súa banda, o Presidente subliñou que “este convenio enmarcase na nosa aposta por unha educación pública de calidade; por ofrecer facilidades de acceso á mesma, contribuíndo á igualdade de oportunidades dende unha administración como a Deputación de Lugo que aínda non ter as competencias directas en Educación, pois estas son da Xunta de Galicia, defende que os fondos públicos deben ser para potenciar o público e o Estado do Benestar; e por fomentar o Campus de Lugo, recoñecido como un dos mellores en España segundo o U-Ránquing e con grande prestixio internacional; e Lugo como cidade universitaria pola calidade de vida e o bo acoller de todos os lucenses, como así o apuntan 9 de cada 10 estudantes da universidade lucense”.
Viaño Rey apuntou que “no ano 2014, cando iniciei o meu mandato como Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, atopámonos o Campus da cidade de Lugo nunha situación delicada. Acudimos por elo á Deputación para plantexarlle a posta en marcha dun plan de choque para o Campus. O apoio decidido que naquel momento recibimos do seu Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, permitiu que no mes de xuño xa tiveramos en marcha a campaña de promoción do Campus “Para estudar Lugo”. Esta iniciativa permitiu comezar a volver a captar novos estudantes para o Campus e desenvolver unha serie de accións que contribuíron a melloralo. No 2015 e ata o día de hoxe, continuamos a desenvolver máis iniciativas ao abeiro de novas edicións deste plan de choque baixo o impulso tamén decidido do seu actual Presidente, Darío Campos Conde, ao que lle queremos agradecer o xeneroso apoio da Deputación de Lugo, que unha vez máis amosa o seu compromiso coa Universidade de Santiago de Compostela e co seu Campus na Cidade de Lugo, o Campus Terra”.
Neste senso, Campos Conde trasladou ao Reitor “o total apoio á USC da Deputación de Lugo, unha institución que defende que investir en educación é investir en futuro” e destacou que durante este ano, “ademais das medidas deste Plan de Choque, desenvolveremos outros grandes proxectos como a construción dun Centro Experimental de Leite. Trátase dun proxecto que conta cun investimento da Deputación de Lugo de 1,3 millóns, que estamos a realizar nas instalacións da Granxa Gayoso Castro para que estudantes e investigadores fagan prácticas e realicen proxectos que contribúan á redución dos custos correntes na produción láctea. Un centro que estará a disposición do Campus Terra co que queremos garantir ademais que a Facultade de Veterinaria manteña o seu tan merecido recoñecemento internacional”.
Medidas e resultados do Plan de Choque
Deputación de Lugo e USC poñían en marcha no 2014 o Plan de Choque no Campus de Lugo cuxo desenvolvemento continúa hoxe. As medidas levadas a cabo (que proseguen) e os algúns dos resultados acadados (polo de agora) son os seguintes:
Medida.- Plan de promoción de Lugo como cidade universitaria e das titulacións do Campus de Lugo. Resultado.- Aumento da taxa de ocupación nas Titulacións de Grao, pasando dunha taxa do 62,9% no 2014 ao 70,5% na actualidade; dende 2014 un total de 2.333 estudantes de ensino medio participaron nos encontros do Campus de Lugo, aumentando con respecto a dita ano nun 143% no 2015, nun 319% no 2016 e nun 111% no 2017.
Medida.- Plan de bolsas para gastos de matrícula nas titulacións con problemas de demanda no Campus Terra. Resultado.- Incremento do 3% no número de estudantes de novo ingreso en titulacións de grao; dende 2014 e ata 2016 un total de 406 alumnos se beneficiaron das bolsas coas que a Deputación asume o 50% dos custos de matrícula. Á espera de coñecer os datos de 2017, agárdase superar os 500 beneficiados.
Medida.- Plan de captación de estudantes doutras nacionalidades para as titulacións do Campus Terra: Resultado.- Incremento no número de estudantes incoming internacionais ata os 180 na actualidade; o estudantes internacionais representen o 16% do total de alumnos do Campus Terra, sendo a día de hoxe 1.143.
Medida.- Desenvolvemento dun plan de apoio para as prácticas de campo das titulacións do Campus Terra: Resultado.- no pasado curso (2016-2017) destináronse 97.518 euros a este fin.
Medida.- Fomento das titulacións de Máster Oficial no Campus de Lugo. Resultado.- Incremento nun 12% no número de estudantes de novo ingreso nas titulacións de Máster.
Medida.- Potenciación para a realización de cursos de verán na provincia de Lugo. Resultado.- Dende 2014 e ata 2016, desenvolvéronse 65 accións formativas na provincia coa Universidade de Verán.
Medida.- Utilización da Granxa Gayoso Castro para a realización de prácticas universitarias. Resultado.- Ademais de seguir empregando a unidade de leite da Granxa, onde se levan a cabo prácticas únicas da Facultade de Veterinaria, a Deputación inviste outros 1,3 millóns de euros e a UCS outros 750.000 na construción e dotación do Centro Experimental de Leite Campus Terra.
Medida.- Impulso da docencia semipresencial ou a distancia mediante a implantación de novas tecnoloxías. Resultado.- Contratación dun técnico para o estudo e-Terra.
Medida.- Impulso da divulgación científica. Resultado.- Algunhas das iniciativas levadas a cabo son, entre outras, o Máster en Produción de Leite, o Symposium Nacional de Ingeniería Hortícola, o Uso de Drones y Satélites en Agricultura, o Coloquio Internacional La Construción del Imperio durante los Julio-Claudios …
Medida.- Mellora de Infraestruturas deportivas, docentes ou investigadoras no Campus de Lugo. Resultado.- Algunhas das medidas levadas a cabo, nas que a Deputación achegou máis fondos dos 350.000 anuais do Plan de Choque, son as melloras no Hospital Veterinario Rof Codina, as fincas de prácticas do Campus, a Biblioteca Intercentros ou a Domus do Mitreo.











