publicidade hoxe

Comezan as obras de construción da senda peonil entre Mesón do Vento e Meirama, no concello de Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOrdes
A-
A+

Os traballos de construción dunha senda peonil na DP 2405, de Cerceda a Mesón do Vento, deron comezo hoxe. A Deputación da Coruña financia estes traballos, que contan cun orzamento de 123.353,8 euros e consistirán na creación de novas beirarrúas no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 5+820 e 7+510.

Estas obras, que se inclúen dentro do plan provincial de sendas peonís, teñen como obxectivo principal mellorar a seguridade viaria tanto do tráfico rodado como dos peóns. Ademais, as obras permitirán eliminar as barreiras arquitectónica, favorecendo así o uso do camiño por persoas con mobilidade reducida.

A senda conectará coa beirarrúa xa executada no núcleo urbano de Meirama, completando así o itinerario peonil entre Mesón do Vento e Meirama, un tramo onde é habitual a presenza de transeúntes.

Así mesmo, este novo tramo proporcionará un acceso a pé seguro ata a central térmica de Meirama e favorecerá os desprazamentos a pé tanto dos veciños de Mesón do Vento como dos núcleos de poboación próximos ao vial.

A nova senda terá un ancho de dous metros e estará composta por unha capa de 55 centímetros de solo seleccionado e 20 centímetros de zahorra artificial. Así mesmo, recubrirase por unha capa de formigón e posteriormente pintarase, para homoxeneizala ás demais sendas da contorna.

Co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e adaptar o tráfico ao tránsito dos peóns, instalaranse novos pasos de cebra e sinalización vertical. Así mesmo, as zonas colindantes rozaranse e tamén se plantará céspede.

As obras, que estarán rematadas nun prazo estimado de 6 meses, tamén incluirán a execución de cunetas, recubertas por lousas de formigón e dotadas de desaugadoiros, para garantir a correcta evacuación das augas da plataforma da estrada.

8 de xaneiro de 2018 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.