Bota a andar en Compostela o programa da Deputación da Coruña “Conquista os Elementos”
O programa da Deputación da Coruña “Conquista os Elementos” bota a andar en Santiago de Compostela co primeiro dos video-forum que terá lugar este venrres no CSC As Fontiñas. A iniciativa, que se presentou esta mañá en rolda de prensa, ten por obxecto impulsar a visibilidade do deporte feminino na sociedade.
O acto de presentación, contou coa presenza da responsable da área de Igualdade e Benestar Social da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, e a concelleira de Deporte do Concello de Santiago, Noa Morales, quen deron conta das principais características e obxectivos que persegue o novo programa promovido pola institución provincial.
“Conquista os elementos” consistirá na celebración de 23 video-forums, noutros tantos concellos da Coruña, comezando cadansúa xornada coa proxección do documental “Contra os elementos” para, acto seguido, afondar na análise do deporte feminino, por medio de relatorios e debates nos que participarán mulleres deportistas e persoas representativas do deporte galego.
O inicio do programa terá lugar vindeiro venres 19 de xaneiro ás 19:00 horas, no Centro Socio Cultural das Fontiñas que acollerá o primeiro destos video-forums coa proxección do documental “Contra os Elementos” e maila celebración da mesa redonda o “Empoderamento da Muller no mundo do Deporte”.
Esta xornada inaugural contará coa participación da profesora da UDC, Cristina López, a directora do semanario Sermos Galiza, María Obelleiro, a atleta internacional, Paula Mayobre e o adestrador e arbitro de baloncesto, Adrián Dios, que se encargarán de achegar as súas experiencias personais e coñecemento sobre a visualización e promoción das mulleres no deporte.
Durante o acto de presentación, Ánxela Franco incidiu na importancia que teñen o deporte e mais a educación para avanzar no eido da Igualdade, e lamentou que na actualidade “hai moitas mulleres deportistas que a sociedade non é que de recoñecer, e nin sequera coñecer”.
Así mesmo, e en relación o programa Conquista os Elementos, engadiu que “os concellos e a Deputación da Coruña traballamos man con man para que esta sexa unha ferramenta útil á hora de sementar referentes e máis un futuro con valores e Igualdade”.
Pola súa parte, Noa Morales valorou positivamente a nova proposta de Deputación ao “aportar unha maior visibilizacion da muller no ámbito deportivo dende unha perspectiva feminista de coeducación en Igualdade”, sinalando que dende o consistorio compostelá “compártense os obxectivos que pretende a Deputación co programa Conquista os Elementos”.
Entre o conxunto de obxectivos que procura esta iniciativa atópanse: fomentar á participación da muller no deporte, promover cambios nos medios de comunicación á hora de abordar a información deportiva feminina –tanto no tempo que lle adica como na linguaxe escrita e icónica que emprega-, coeducar en valores como a igualdade de oportunidades, eliminar estereotipos e promocionar a equiparación entre o deporte feminino e masculino
Durante o transcurso do presente ano, os concellos de Arzúa, Ribeira, Negreira, Carballo, Betanzos, A Coruña, Oleiros, Cambre, Arteixo, As Pontes, Ferrol, Narón, Cee, Muros, Porto do Son, Ordes, Ortigueira, Ames, Padrón, Melide, Vimianzo e Santa Comba, acollerán cadanseu video-forum, ca celebración dunhas sesións que contarán coa participación de persoeiros relevantes do deporte en cada unha das súas comarcas.